Segunda semana de festival e a choiva segue a ser a constante en Santiago. Cineuropa segue a achegarnos o mellor cine por vixésimo oitavo ano consecutivo. As mellores películas… e as peores colas. Non existe día no que retirar un billete non sexa unha odisea digna de ser trama principal dalgún dos filmes exhibidos estes días. Esperar unha ou dúas horas por unha entrada está a ser a tónica habitual dunha edición que se tomou demasiado en serio iso de que “as colas significan que a xente vai ao cine”. Claro que a xente vai, pero a xente tampouco está moi contenta de agardar media tarde para despois gastar o resto do tempo libre sentado na butaca. Porén, e nisto coincidimos todos os asistentes, o persoal de todas as sedes e as billeteiras non merece ningunha crítica e, a pesar de ter que aturar unha e outra vez a espectadores enfadados, seguen respondendo cun sorriso. Pero deixando as malas experiencias, falemos de cine, e do cine que vén, que quedan por diante aínda 14 días cargados de películas.
Luns 17
Para os que non puideron asistir este sábado ou domingo, Cineuropa volve pasar Magical Girl e Negociador. A primeira, desacougante traxicomedia, cumpre coas expectativas postas nelas quedando como unha das mellores películas que un servidor tivo a sorte de ver. Uns xigantes Bárbara Lennie e José Sacristán se reparten a puntos iguais o premio a mellor actor nunha película que acolleu unha grande ovación o pasado domingo. Negociador, pola contra, xoga máis na liña da comedia pura pero cun toque agridoce. Baseándose nas fracasadas negociacións do goberno socialista con ETA, Cobeaga desdramatiza un tema tabú. Digno de mención é o papel de Carlos Areces que, contra o final da película, despréndese dos clixés que o encasillaron nos papeis cómicos para demostrar que sabe facer máis que os clásicos papeis de Muchachada Nui.
Martes 18: Ida
Pawel Pawlikowski ofrécenos con este filme unha historia descubrimento de dúas mulleres: unha rapaza, Anna, a piques de converterse en monxa, e outra, Wanda, unha ex-comunista, que quere guiala a que non cometa os mesmos erros que ela. Premiada por todos os festivais que pasou, este drama de 80 minutos semella o plan para o martes.
Xoves 20: Leviathan
Se doutra película se falou, ademais da de Vermut, este ano foi desta. A candidata por Rusia aos Oscars en categoría de película de fala estranxeira chega este xoves e terá tres pases máis polo que haberá que estar atento para poder coller as poucas butacas libres. O drama céntrase nunha finca desexada polas autoridades na que vive Kolia. Kolia, que non quere separarse de toda a súa vida naquel sitio, defenderá ata o último alento a súa propiedade fronte a unha maquinaria gobernamental poderosa.
Domingo 23: Güeros
O cine mexicano foi e é cool. Desde Nicolás Pereda ata os clásicos de Buñuel, o país centroamericano sempre tivo encanto para as boas historias. Güeros non é menos. Cunha trama que pode lembrar a aquel Sugar Man, aquí dous rapaces emprenderán unha viaxe para recuperar a Epigmenio Cruz, o artista que puido, segundo eles, salvar ao rock mexicano.