The Affair, a mellor serie deste outono que non estás a ver

The Affair

Imaxina un verán, unhas vacacións nunha casa nunha pequena vila xunto ao mar. Un profesor/escritor de Nova York felizmente casado e con catro fillos. Unha camareira tamén felizmente casada do restaurante cutre local. As miradas, as primeiras conversas, o primeiro bico furtivo, a primeira tarde nun motel. Agora pensa en como contaría el a historia anos despois e como o faría ela. As versións, evidentemente, son distintas. E esa é a primeira sorpresa que dá o piloto de ‘The Affair’. Cando levamos media hora de episodio coa voz del, Noah, contando a historia, a pantalla ponse en negro e lemos Part 2: Alison. Vemos a mesma historia outra vez, pero desta volta desde o seu punto de vista.

Os cambios son moitos, desde como ían vestidos (podedes ler esta fascinante entrevista coa xefa de vestiario) ata as súas conversas e actitudes (na versión del, ela é provocativa e sexy todo o rato; na versión dela, é el o que a empurra un pouco á situación). Remata o episodio e pensamos que a serie é sobre ese affair de verán, aínda que nos preguntamos un pouco por que ambos están a contar a historia nun interrogatorio, ao máis puro estilo ‘True Detective’. Para ser un tema de xuízo ou investigación por divorcio ou custodia dos fillos, a cousa parece demasiado seria.

E así imos, episodio a episodio, vendo como Noah e Alison están cada vez máis próximos, coñecéndoos a eles, ás súas circunstancias e ás súas familias, e case sen decatarnos da evolución. Cada metade é unha pista sobre como se ven a eles mesmos e ao resto dos personaxes en cada momento, e como isto tamén vai cambiando conforme avanza a trama. Aprendemos por que están nun interrogatorio. Preguntámonos por que ela cambiou tanto desde o verán da aventura ata agora. A atmósfera é densa e asfixiante para ela, na súa vida de vila na que todos se coñecen, máis lixeira para el, nunhas vacacións nun lugar aparentemente paradisíaco.

E todo o que ao principio cremos que non nos vai enganchar, ou que vai rematar por aburrirnos, tórnase a cada episodio máis adictivo. Queremos saber cal é o misterio, como rematou a cousa, que foi das súas vidas desde entón. ‘The Affair’ vai gañando enteiros con cada novo minuto que vemos.

Axudan, claro, os actores. Temos a Dominic West (‘The Wire’ ou ‘The Hour’) como Noah, e a Ruth Wilson (‘Luther‘) como Alison. Despois están tamén a Maura Tierney coma a muller de Noah e a Pacey Joshua Jackson coma o marido de Alison. Non hai branco e negro, todo se move nun gris moral que os define a eles coma persoas, que en ningún dos puntos de vista, por diferentes que sexan, xulga demasiado o que en realidade non ten sentido xulgar. Todo é sombrío e envolvente. Coma unha aventura extramatrimonial, unha investigación criminal ou un verán, un ano máis, nesa vila xunto ao mar.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará