Luther volve hoxe á BBC One

Luther III

Estamos acostumados a oír que a ficción de calidade faise na HBO. Razóns non faltan: ‘The Wire’, ‘The Sopranos’ ou ‘Game of Thrones’ son series que ratificaron a calidade da canle estadounidense. Quizais por iso, a estrea de Luther pasou desapercibida no inicio. A produción da BBC conta a historia dun detective, John Luther, que é apartado do corpo da policía despois de deixar morrer a un sospeitoso. A historia arranca no momento en que se reincorpora ao traballo.

John Luther, interpretado por un xenial Idris Elba, non é o heroe que agardamos. O divorcio da súa muller fará que perda, en máis de unha ocasión, os papeis, chegando a romper portas e cristais en momentos de pura rabia. Esa é a característica principal do protagonista: a paixón. Paixón que o leva a abandonar os métodos habituais dun policía e a discorrer por camiños máis cuestionables. Ao seu arredor, varios personaxes secundarios entran na parte de Luther. Os máis importantes son Justin e Alice Morgan: o primeiro é un policía novo fascinado pola figura de John Luther, a segunda unha asasina á que Luther deixa escapar e coa que comeza unha amizade un tanto perigosa.

Situada en Londres, a serie non discorre polos escenarios habituais. E é que unha das cousas polas que sobresae esta serie é o traballo impresionante de localización que se levou a cabo. Rañaceos, estacións de trens xigantes e pontes que cruzan o Támesis son só uns exemplos do que é unha constante nesta produción da BBC. Recoñezo que, durante as dúas tempadas, non deixei de abraiarme con cada nova localización. Luther é unha guía turística polo Londres máis escuro.

Finalmente, se hai outra cousa que sorprenda, é a fotografía. Planos descompensados e con moito aire compoñen unha forma de gravar que sempre se dixo que non era a correcta. Isto reafirma unha das intencións da serie: non é unha serie policíaca máis, é Luther. Uns planos que, como dicía, sempre se tomaron como “o que non facer” pero que funcionan á perfección creando un ambiente único e propio.

Seis capítulos que parecen poucos nun momento no que estamos acostumados aos 12 capítulos de media por serie. Mais, cómpre o visionado da primeira tempada para ver que o minutado, a estrutura e a trama están perfectamente estudadas para enganchar e manter ao espectador en vilo en tan só seis capítulos.

‘Luther’ ou ‘Sherlock’ son síntomas de que a hexemonía da HBO pode estar chegando ao seu fin. A BBC ven pisando forte, demostrando que, iso de facer ficción de calidade, non é exclusivo dos Estados Unidos.

Shares

3 comentarios

  • Beiña di:

    Eu sonche máis da BBC, ten moito mérito porque é a televisión pública británica e HBO non o é. Certo que a HBO ten grandes produccións, pero a BBC non queda atrás (menos coñecidas pero moi boas): Sherlock, Spooks, Life on Mars, … E como non Luther.

    Ten unha moi boa ambientación, moi oscura. Encántame Alice, pena que saira tan pouco na segunda tempada.

  • Quetzalcoatl di:

    Por non mencionar Black Mirror.

  • Beiña di:

    Como me puiden esquecer de Black Mirror!!! Qué boa!

    As miniseries da BBC tamén son verdadeiras xoias, tamén é certo que hai de todo, non todo son marabillas pero, ¡quen nos dera ter unha televisión pública coma esa!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *