Virginia Johnson, a pioneira (científica) do sexo que ten serie de televisión

masters of sex

Nos anos 50, Virginia Johnson respondeu a un anuncio para traballar como asistente nunha investigación. Era unha muller nova, con dous fillos, recén divorciada, que tentara ser cantante de country e que estudara psicoloxía (aínda que non chegou a rematala). O traballo era, por así dicilo, especial. O doutor William Masters buscaba unha asistente para o traballo de investigación científica no que andaba metido: unha observación do sexo dende un punto de vista de análise científica. Aínda que eran os anos 50, Johnson comezou aquel traballo, converténdose nunha das pioneiras da investigación científica sobre o sexo. “Recibiu moitos premios e é recoñecida xustamente como unha das mulleres máis importantes en ciencia no século XX”, explica a Reuters  Robert Kolodny, que tivo como mestres a Johnson e a Masters.  Virginia Johnson traballou durante tres décadas ao carón de Masters. A súa relación acabou incluso pasando do profesional ao persoal e ambos casaron nos anos 70 (aínda que divorciaron a comezos dos 90, porque Masters era “workaholic”). As súas investigacións acabaron por entrar na cultura popular estadounidense e influíron na investigación realizada posteriormente. Johnson acaba de falecer aos 88 anos, aínda que non só os obituarios de turno están a recuperar a súa memoria.

Unha das series máis esperadas da tempada outono inverno en Estados Unidos recuperará tanto a Johnson como a Masters (que faleceu na década pasada). ‘Masters of Sex’ é  unha das apostas de Showtime, a mesma emisora que está detrás de ‘Dexter’ ou ‘Homeland’. Lizzy Caplan será Virginia Johnson e Michael Sheen William Masters.

E si, Michael Sheen é o Tony Blair de ‘The Queen’

A serie está baseada nun libro de investigación académica sobre os dous investigadores. “A súa historia só precisaba ser contada”, explicaba durante a presentación da serie Michelle Ashford, a súa creadora. “Ninguén sabe realmente que fixeron pero foron fundamentais no cambio histórico no só de como se vía o sexo senón tamén de como o vían os homes, as mulleres e a sociedade”.

As primeiras mostras do que será a serie fan pensar nun cruce entre Sexo en Nova York e Mad Men (vamos, achegamento ao sexo sen tabús – aínda que as cousas cambiaron moito dende que se estreou Sexo en Nova York – e marabillosa roupa de época con ambientación mega coidada). A estrea en Estados Unidos será o 29 de setembro.

Foto |Showtime 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *