The Trip, viaxes e comida

The Trip

Unha semana de viaxe polos mellores restaurantes do norte de Inglaterra pode ser un pesadelo. Ou iso pensa Steve Coogan ante a idea de viaxar co seu amigo cómico Rob Brydon. Os dous percorren as estradas inglesas coa intención de realizar unha crítica gastronómica para The Observer  sobre sete restaurantes.

Este tándem de actores, que se interpretan (ou parodian) a si mesmos, improvisan a maioría das escenas. A idea do director Michael Winterbottom de non empregar un guión nace das grandes capacidades dos dous actores de improvisar así como das súas capacidades mímicas. Son moitas as secuencias nas que pelexan por comprobar quen é capaz de facer unha mellor imitación de Woody Allen, Michael Caine ou Roger Moore… con vitoria do galés Brydon case sempre.

The Trip discorre en dous escenarios principais: o coche de Steve Coogan e as mesas dos diferentes restaurantes. É aquí onde, entre broma e broma, confesan os seus medos e ambicións ou onde cantan The Winner Takes It All a dúo. A pesar de que a película parta da premisa de escribir unha crítica gastronómica, a comida non ten demasiado peso na historia. Se ben os planos da elaboración e a da presentación dos pratos son habituais, estes non teñen outra función que abrir o apetito do espectador.

Finalmente, cabe facer unha reflexión: canto de certo hai na autoparodia destes dous personaxes? Porque si, estamos falando dunha comedia, mais con escenas con bastante peso dramático sobre todo por parte de Steve Coogan. Queda pois, para o análise de cada un, saber se The Trip é unha terapia dirixida por Winterbottom para estes dous actores ou se é simplemente unha improvisación.

Orixinalmente, The Trip naceu como unha serie da BBC de seis capítulos. Dous anos máis tarde, reeditouse película de 90 minutos. Para os menos amantes da comedia británica, a película será suficiente. Pola contra, os 180 minutos da serie orixinal serán ideais para aqueles que gozan da improvisación e da sutileza do humor inglés.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *