Hai dous tipos de persoa: os que chegan puntuais ao cine e os que entran cando a luz está xa apagada. Se es, coma min, do primeiro grupo, é posible que a razón para a túa puntualidade non sexa tanto non perder o comezo da película ou non molestar á xente ao entrar tarde, como chegar a tempo para esas pequenas xoias da edición audiovisual que hai sempre antes do filme: os tráilers. Obras mestras de edición que teñen que lograr un obxectivo nuns poucos segundos: facer que o espectador queira ver a película enteira.
Hai premios á mellor película, director, actores, produtores e todo o equipo detrás dun filme, pero o dos tráilers parece que sempre quedou un pouco infravalorado (hai premios para eles -hai premios para todo- pero non Oscars!). E hai tráilers que debería ser obrigatorio ver. Na revista Wired de hai un par de meses colleron a un grupo de expertos (xente do mundo audiovisual) e puxéronos á difícil tarefa de escoller os mellores tráilers da historia do cine. Horas e horas de visualización (e de pensar nos que os marcaran no seu momento) levaron a esta lista:
– ‘Psicose’ (1960)
– ‘A laranxa mecánica’ (1971)
– ‘Star Wars: Episode 1’ (1999)
– ‘O Resplandor’ (1980)
– ‘O dormilón’ (1973)
– ‘A matanza de Texas’ (1974)
– ‘A queima roupa’ (1967)
– ‘Onde habitan os monstros’ (2009)
– ‘Little Children’ (2006)
O décimo non é un tráiler, senón unha maxistral mestura de tráilers feita por Vadzim Khudabets, un editor de vídeo bielorruso de 24 anos que creou e publicou o vídeo en Vimeo para promocionar os seus servizos. Unha película ficticia, ‘Eterna’, e un traballo de varios anos de ver e escoller tráilers deron este resultado: