Vídeos para a fin de semana: 6 series de época para a nova tempada

Agosto está a piques de rematar. Setembro está a unha distancia de dous días e na televisión comezaron a pasar os anuncios sobre a volta ao cole, os produtos para os arrefriados e as coleccións por fascículos. Ese clásico. E aínda que vai bo tempo e posiblemente o outono non chegue ata dentro de moitas semanas (na redacción de Disquecool hai quen ten a teoría de que o verán agora comeza en setembro), xa todos temos esa sensación de que pronto comezarán a caer as follas secas e a ir frío e que o paréntese do verán rematou. E o síndrome libros-para-a-escola: a miña irmá durante anos montaba en cólera cando as librerías empezaban a poñer en agosto os letreiros de ‘reserve os seus libros de texto’. O que sexa. Non hai que deprimirse. A volta ao cole ten moitas, moitas cousas boas. Como por exemplo que todas as televisións (as que importan: EEUU e UK) estrean novas tempadas e novas series de televisión. Setembro vén completo, así que desta volta quedamos só coas de época.

1. Downton Abbey. A verdade é que permanecemos fieis á serie británica, a pesar de que o seu creador non faga máis que matar xente (posiblemente sexa algo cultural: nas series británicas sempre matan á vontade) Aínda non sabemos cando chegará ás pantallas á nova tempada, pero seguramente será pronto (setembro mínimo). Mañá ITV publicará en Facebook o tráiler da cuarta, aínda que o teaser do tráiler (si, así son) xa promete moito dramatismo. Sabemos xa que haberá cantante de jazz, unha Lady Mary triste e desgraciada, unha Lady Edith que será “a Carrie Bradshaw dos 20” (e cun namorado que pensa en facerse alemán para poder fuxir con ela… e xa sentimos a traxedia!!) e os clásicos dramas familiares.

2. Reign. Posiblemente teñan de asesores históricos a Google e á Wikipedia. CW, a cadea estadounidense que nos deixou grandes títulos como Gossip Girl, estreará en outubro a súa versión da vida de María Estuardo, raíña de Escocia (e de Francia durante un tempo). Nesta historia, a pobre María chega a Francia para casar co delfín Francis, pero a corte non está pola labor. E non só iso: Hai un medio irmán do delfín, “guapo e pícaro” (é o que di a presentación da CW) a quen María enche o ollo. Penso que os profesores de historia non deberían ver esta serie (poderían acabar en urxencias cun brote psicótico) pero quen di que non poida ser o guilty pleasure da tempada para os demais?

3. Sleepy Hollow. E seguimos coas series pseudohistóricas. Neste caso un soldado da época de George Washington esperta no presente en Sleepy Hollow para continuar co que facía antano: loitar contra o xinete sen cabeza que asustaba á cidade.  Que pode saír de aquí? Quen sabe… Pode que non dure a tempada completa (pero eu pensaba o mesmo de Once upon a time e mirade por onde vai xa).

4. Drácula. O Henrique VIII de Os Tudor é agora un moderno Drácula nunha serie “dos produtores de Downton Abbey e do director de Os Tudor”. Drácula é en realidade un emprendedor estadounidense que chega ao Londres da era vitoriana prometendo avances científicos pero desexando en realidade repartir o mal entre aqueles que llo fixeron a el uns cantos séculos atrás. Ten todos elementos de moda: vampiros, start ups e vestidos de época.

5. Masters of sex. Desta serie xa vos falamos non hai moito. Contarán a historia real de Virginia Johnson e William Masters, pioneiros na investigación científica sobre o sexo. Xa sabedes: Mad Men meets Sex and the city.

6.  Galerías Velvet. Decidín ser unha boa persoa e buscar unha serie que non sexa anglosaxoa, por aquelo da diversidade. A gran serie da tempada en Antena 3 vai ser unha historia de época sobre a creación duns grandes almacéns. Podería ser unha serie rollo dramático sobre a creación de El Corte Inglés, pero non creo que ninguén se atreva a algo así. Así que quedan cunha historia de amor entre rapaza pobre e rapaz rico. Polo menos coidaron o vestiario…

Bonus track: O ano próximo é o 100 aniversario do comezo da I Guerra Mundial, así que medio mundo está traballando en crear series sobre eses anos. Afortunadamente, España foi un país neutral durante a guerra (só digo El secreto de Puente Viejo nos tempos da Grande Guerra).  A BBC ten xa varios proxectos en carteira, como un que se centrará nos días previos á declaración de guerra.  

Shares

1 comentario

  • Beiña di:

    Xa está o trailer de Downton Abbey! http://t.co/7j2YlGy5PD Eu tamén sigo fiel a esta serie, ainda que últimamente estanse pasando un pouco co rollo telenovela.

    Das novas, a que seguro que verei será Masters of sex, as outras… Pois esperarei a que haxa críticas para decidirme, ¡conto con vós!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará