Xa falamos a semana pasada de que setembro pode traer cousas boas para aqueles que xa non imos ao colexio. É a nova tempada para moitas series, por exemplo. E ademais é tamén nova tempada (e mellor tempada) para o cine. Porque hai un dato incuestionable: os mellores filmes adoitan estrearse entre setembro e decembro, momento óptimo para chegar aos Oscars fresquiños e tamén o momento en que a xente volve aínda con gañas ás salas de cine, tras o parón dos meses estivais.
Entre o máis esperado para este outono están os filmes de directores consagrados como Ridley Scott, Woody Allen ou Martin Scorssese pero tamén filmes defendidos por festivais de prestixio como ‘La vida de Adele’.
Vai preparando na axenda a visita aos cines para ver 10 filmes que prometen.
1. A pedra da paciencia – Atiq Rahimi (6 de setembro)
Un filme sinxelo e fermoso (segundo as críticas) sobre unha muller afgana que debe coidar de si mesma e da súa familia tras quedar o seu marido en coma. Trátase da adaptación ao cine do libro homónimo do mesmo Rahimi, que foi premio Goncourt en Francia.
2. Arraianos – Eloy Enciso (13 de setembro)
A estrea galega da tempada é ‘Arraianos’, un retrato pouco convencional (tipo docuficción) dunha aldea de montaña perdida na fronteira entre Galicia e Portugal. Ven avalada polo seu peso en diversos festivais, aínda que queda claro que non é unha película fácil.
3. O escume dos días – Michael Gondry (20 de setembro)
Trátase dunha adaptación bastante fiel do peculiar libro de Boris Vian do mesmo nome, no que atopamos unha reflexión sobre o amor, a enfermidade ou o drama nun contexto surrealista que tanto lle pega a Gondry.
4. The bling ring – Sofia Coppola (11 de outubro)
Basease nun feito real: un grupo de adolescentes obsesionadas cos cartos e a fama que se adicaban a roubar en casas de famosos. O filme reflexa, sen intervir demasiado, a banalidade e a superficialidade da vida das participantes (o que recorda un pouco ao seu anterior filme).
5. O quinto poder (Dentro de Wikileaks) – Bill Condon (18 de outubro)
Thriller baseado en feitos reais ao redor da figura de Julian Assange, da creación dunha plataforma para filtrar información secreta e da loita para expor os enganos e a corrupción do poder. Non sabemos como está, pero o tema é de por si mesmo apaixonante.
6. A vida de Adele – Abel Keniche (25 de outubro)
Avalada pola palma de ouro do festival de Cannes, este filme preséntanos a unha moza de 15 anos que ten que reconsiderar moitas cousas cando coñece a outra moza, de pelo cor azul, pola que se sinte inmediatamente atraída.
7. 12 anos de escravitude – Steve McQueen (31 de outubro)
O director de Shame regresa cunha historia (baseada nun feito real) sobre un home negro libre que, en 1850, é secuestrado, levado ao sur, e vendido como escravo. Trátase dun relato épico sobre a súa loita por recuperar a liberdade.
8. Blue Jasmine – Woody Allen (22 de novembro)
O ultimo filme de Allen está a recibir moi boas críticas, tras anos de decepcións. Trata sobre unha muller de mediana idade, de clase alta, que tras arruinarse, vese obrigada a ir vivir coa súa irmá.
9. O conselleiro – Ridley Scott (29 de novembro)
O guión corre a cargo do famoso escritor Cormac McCarthy, e trata dun respectado avogado que se ve asediado polos problemas tras iniciarse no mundo das drogas.
10. O lobo de Wall Street – Martin Scorsese (5 de decembro)
Historia de un home feito a si mesmo, pasando dunhas poucas accións especulativas ao éxito empresarial e, paralelamente, da honradez á corrupción.
A última novela de Cormac McCarthy é “The Road”, vindo a luz no 2006. Pola contra “The Couselor” e o último GUIÓN de McCarthty, escritor polifacético que cultiva o teatro, a novela a ficción corta e os guions de cinema.
Si Anton! Perdoa o erro, efectivamente ‘The counselor’ é o seu guión. Como se publica en outono en formato libro, lieime. Xa o cambio agora.