Vídeos para a fin de semana inspirados na volta ao cole.

Xa queda pouco. En breve nenos, rapaces e post-adolescentes iniciarán novo curso en escolas, institutos e universidades, e aos que xa imos un pouco vellos parece que nos entra como nostalxia. Ai, aquela emoción ao  volver á rutina, ao ver aos teus amigos, ao botar un primeiro ollo aos libros de texto. Todo iso queda lonxe e agora setembro é igual que xuño ou decembro, coa desvantaxe do que os días comezan a ser máis curtos e as estradas comezan a estar máis ateigadas de coches.

Pero non entremos en pánico! Se na vida real non podemos volver ao cole, si podemos na ficción. Este venres compartimos 8 tráilers de filmes míticos ambientados no instituto. E vendo algúns deles un lembra que tampouco hai tantas razóns para a nostalxia.

1. Grease

Xa, resulta difícil de crer, pero eses protagonistas de Grease ben entrados na trintena aínda ían ao instituto. Sen dúbida, o noso filme favorito da temática (e pode que incluso saíndonos da temática). A relambida de Sandy chega ao instituto e descobre que ese rapaz tan doce do verán pasado en realidade é como todos.

2. 10 razóns para odiarte

Un clásico adolescente! Adaptación moi libre de ‘A fera domada’ de Shakespeare, cun manido argumento no que un rapaz comeza a saír cunha rapaza por unha aposta, pero acaba xurdindo o amor verdadeiro. Aínda así, encántanos.

3. As vantaxes de ser un marxinado

Poñamos un punto indie a esta colección con este filme sobre un rapaz tímido e nada popular que trata de atopar o seu lugar no mundo.

4. Clueless

Outra adaptación moi libre para levar un clásico ao ambiente escolar (neste caso o ‘Emma’ de Jane Austen). Non vos equivoquedes, trátase dun filme superficial e totalmente prescindible, pero divertido se o que buscamos é unha comedia “teen” ao uso.

5.  O club dos cinco

Obra referencial do cine para adolescentes, onde 5 rapaces obrigados a pasar xuntos un sábado pola tarde, castigados, descobren que cada un deles é diferente á imaxe que proxecta.

6. O club dos poetas mortos

Foi un exitazo no seu momento (e non só) aínda que se a ves agora xa crecido, corres o risco de non soportar tanto melodrama. Conta como un profesor pouco convencional cambia a vida dos seus alumnos.

7. Election

Divertida sátira sobre unhas eleccións estudantís, ás que concorren unha aplicada e ambiciosa estudante e un xogador de fútbol manipulado por un profesor que odia á primeira.

8. Rebelión nas aulas.

Outro clásico argumento das pelis de instituto: profesor destinado a barrio conflitivo descobre que en realidade os rapaces están cheos de bos sentimentos.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *