As series que volven este verán

Lembrades hai dúas semanas, cando estabamos convencidos de que 2013 sería efectivamente un ano sen verán? Primeiro choramos, berramos de desesperación e todas esas cousas, pero despois chegamos pouco a pouco a aceptar o inverno eterno coma a nosa nova rutina. Fixemos ata plans e non, non eramos felices, pero polo menos o suicidio parecía descartado. E de súpeto chegou ese verán tan ansiado, todo de golpe e de forma intensa. Abandonámonos ao sol. Pero a calor fixo que, tras queimarnos na praia, non nos atrevésemos a saír á rúa ata as 7 da tarde. Agora que somos como sevillanos temos que aprender a entreternos polas tardes na casa, coas ventás abertas e as persianas baixadas. E chega esa pregunta que nunca nos fixéramos: hai series interesantes no verán?

A resposta é si. E non nos queremos arriscar a empezar nada novo (o noso cerebro requecido non o permite). Estréanse tempadas de series no verán? A resposta volve a ser si. Moitas, ademais, son as temporadas finais. Estas son as 4 series que volven este verán.

1. Dexter. Non tes nin que esperar: o primeiro episodio da oitava e última temporada de Dexter estreouse onte en Estados Unidos, así que xa sabes, fai cousas ilegais. Si, a serie do asasino en serie bo tivo bastantes altibaixos ao longo da súa historia, pero segue mantendo un mínimo de calidade que fai que mereza que vexamos o seu final. Se es incondicional da serie, saberás que as cousas están bastante movidas agora mesmo. Se abandonaches na terceira temporada, quizais queiras ver as últimas. Os guionistas perderon o medo e fixeron que as cousas cambiasen de verdade. E agora non podemos máis que preguntarnos como acabará todo isto. (Tráiler cheo de spoilers sobre o final da sétima temporada!)

2. Skins. Lembras a serie de adolescentes ingleses que nos tivo namorados durante algúns anos? A primeira xeración foi fantástica, a segunda custou, pero ao final tamén lles collemos cariño. Na terceira moitos xa quedaron polo camiño. Seguro que moitos pensastes que ‘Skins’ desaparecera para sempre, pero Channel 4 non quixo facelo así. Queren que ‘Skins’ diga adeus ao grande, cunha temporada final centrada en tres dos seus personaxes das dúas primeiras xeracións: Cassie, Effy e Cook. Os tres nas súas vidas actuais, xa enfrontándose ao mundo adulto. Haberá que vela, non? O primeiro episodio (sobre Effy) emítese esta noite no Reino Unido, así que mañá xa a temos.

3. The Newsroom. Estes non son veteranos como ‘Dexter’ e ‘Skins’. ‘The Newsroom‘ estrea a súa segunda temporada o vindeiro 14 de xullo e todos estamos expectantes. Hai xa bastantes detalles: irá desde o 23 de agosto de 2011 (o día da captura de Gaddafi) ata o día das eleccións norteamericanas en 2012. Haberá, ademais, segundo o propio Sorkin, un episodio que será unha “verdadeira carta de amor aos xornalistas”. E, polo que vemos no tráiler, as tramas amorosas (si, si, non digades que iso non vos interesa) seguirán aí. Non podía ser doutra forma.

4. Breaking Bad. Outra serie que remata. A temporada final, a quinta, foi dividida en dúas partes: a primeira emitiuse o verán pasado, e os últimos oito episodios serán emitidos este verán, a partir do 11 de agosto. Pouco queda do profesor de química, débil e desesperado, que coñecemos na primeira temporada e pouco queda da empatía que sentíamos por Walter White. É cada vez máis malvado e calculador e os espectadores non sabemos ben que facer, se querer que se salve ou desexarlle un final cruel e tráxico. Nuns meses saberemos que ten Vince Gilligan, o creador da serie, pensado para o seu protagonista.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *