5 razóns para non chorar porque 2013 sexa un ano sen verán

Chuvia

Xa case todo o mundo o dimos por oficial: en 2013 non haberá verán. Unha cadea de televisión francesa acaba de explicar as razóns polas que quedaremos sen sol e sen praia e todo semella tan científico que é moi convincente. A culpa desta triste predición está na primavera espantosa que estamos a vivir. A estadística demostra que tras malas primaveras, hai moi malos veráns. Ademais, a temperatura do mar é moito máis baixa que o que debería ser e a humidade da terra moito máis alta do que lle corresponde. O resultado serán temperaturas baixas para a tempada e chuvia e máis chuvia que varrerá Europa de sur a norte. Teremos que suicidarnos en masa? Non! Sexamos optimistas. Tamén hai razóns para que o do ano sen verán non nos afunda na miseria. 

1. É un acontecemento histórico. Ningún dos vosos avós poderá dicir que isto xa pasou cando el tiña os anos que lle pareza, porque non foi verdade. O de quedar sen verán é algo histórico, que só pasa cada moitísimo tempo. Os franceses de La Chaine Météo (os que deron a noticia) non atoparon outro exemplo ata 1816. Naquel ano fixo moito frío e moi mal tempo, tanto que o ano é coñecido como ‘o ano sen verán’. Daquela a culpa tívoa o volcán Tambora, que entrara en erupción en 1815 enchendo a atmósfera de cinzas. Para que vos fagades unha idea do mal tempo que fixo aquel ano: en verán nevou en Francia. Pensade que se este ano quedamos sen verán será algo nunca visto e que poderedes contar vós aos vosos netos.

2. Teredes tempo para ler e ser super creativos. Por que chorar porque non poderemos estar na praia, tirados na area e tomando un xeado ao sol? Iso podemos facelo todos os anos!! Mellor aproveitar as condicións climáticas adversas para dedicarnos ás letras. É o momento para ler todos eses libros que tes pendentes e para ser todo o creativos que a falta de tempo non vos deixou. Pensade que vai chover e non vos vai quedar máis remedio que quedar na casa. Podedes comezar  a escribir a gran novela galega contemporánea. Mary Shelley escribiu ‘Frankestein’ durante o non verán de 1816, cando ela, Percy Shelley, Lord Byron e algún outro máis estaban atrapados no seu hotel polo mal tempo. E hai quen di que os ceos marabillosos de Turner nunca terían existido sen esas condicións climáticas adversas así que collede o cabalete e saíde a pintar.

Versalles, Camille Pissarro - Colección Carmen Thyssen

Versalles, Camille Pissarro – Colección Carmen Thyssen

3. Non vos sentiredes culpables facendo só turismo cultural. Aí estás ti, nas vacacións, cunha calor abafante, nunha sala de museo vendo algo do máis profundo e sentíndote fatal por estar malgastando este tempo tan marabilloso en cultura cando poderías estar fóra, ao aire libre, co sol dándolle na cara. Este ano non terás este problema. Poderás pecharte en calquera museo e ser feliz (ti e un cento de persoas, o que será un problema doutro tipo). O Museo Thyssen de Madrid terá a Camille Pissarro (xa sabedes, é o ano impresionista) e no Reina Sofía hai unha de Dalí, só por poñer dous exemplos non moi afastados.

4. Poderás ir a onde queiras en vacacións sen que che digan pois para iso… O ano sen verán é perfecto para poder ir de vacacións a eses sitios do norte de Europa nos que vai frío. Ata agora sempre que te lanzabas a unha excursión así tiñas que escoitar ao típico amigo ou familia que che dicía que a que ías alá. “Total, para pasar frío”. Agora poderás contestar que non vas notar a diferencia. Pero non só eles quedarán calados coa túa resposta: tamén o farán os que che criticaban por gastar os cartos indo a un destino de praia cando “as tes aquí”. Agora poderás responderlle que estar están, pero que non podes usalas.

5. Poderás manter o mellor do inverno. Non terás que gardar as katiuskas (e sentirte mal ese día de chuvia de verán na que estás na rúa cunhas sandalias), poderás seguir usando ese abrigo tan chulo que mercaches nas rebaixas e seguirás usando a mantiña do sofá. As mellores cousas do inverno seguirán aí e ti non terás máis remedio que seguir usándoas.

Fotos | John Gilchrist | Museo Thyssen

Shares

13 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará