Avalancha impresionista

monetSe falamos de pintura e pensamos en algo que lle guste a todo o mundo, o impresionismo ten a maior parte dos puntos para ser a corrente pictórica escollida. Todo o mundo é capaz de visualizar un Van Gogh ou de ver un Monet (engade a palabra nenúfar e terás o efecto completo) e, aínda que na súa época custou que os entendesen (pensade que o valioso hoxe en día Van Gogh só vendeu un cadro en vida), hoxe en día poucos son os que dubidan que o que teñen diante é unha obra de arte. O impresionismo é por tanto un valor seguro, unha aposta que permitirá encher as salas de exposición con entusiasmados visitantes. Se cadra por iso coincide no tempo e no espazo un fervor impresionista.

Madrid permite facer de xeito temporal unha ruta polo impresionismo. Ata o próximo cinco de maio poderase visitar na Fundación Mapfre a exposición “Impresionistas y postimpresionistas. O nacemento da arte moderna. Obras mestras do Musée d´ Orsay”. Como todas as exposicións da fundación, a entrada é gratuíta (polo que algúns días é imposible conseguila en taquilla: o máis intelixente é levala reservada de casa, a súa web o permite), o que non implica unha menor calidade fronte á outra aposta impresionista da cidade. Como practicamente todas as exposicións que organizan, a calidade é indiscutible e sorprende unha vez máis que non cobren nin un só euro polo acceso. Na fundación Mapfre están algunhas das obras máis populares da corrente, grazas ao lugar de orixe das mesmas. O museo de Orsay, en París, é posiblemente o máis completo do mundo no que a impresionistas se refire e a Madrid mandaron algunhas obras ben populares. En total son 78 pinturas, organizadas por pintores e movementos (empezan con varios Monet e rematan cos mestres nabis) Podédesvos facer unha idea coa visita virtual da exposición. O único problema é que o espazo de exposición é limitado e iso impide gozar como se debería dalgúns cadros.

Nada diso ocorre no museo Thyssen-Bornemisza, que sempre adica o espazo preciso ás súas exposicións grazas a unhas instalacións moito máis amplas que as da fundación Mapfre. Esquecede por suposto aquí o de entrar gratis. As exposicións temporais no Thyssen saen a dez euros (hai os clásicos descontos, iso si) e, aínda que tamén pode custar conseguir unha entrada, nesta ocasión (a nosa experiencia persoal serve como base para esta afirmación) non hai as riadas humanas que se poden atopar na Fundación Mapfre. A aposta do Thyssen vai máis alá que a clásica aproximación aos impresionistas, así que teredes que ter a mente ben aberta. O seu leit motiv é o impresionismo e o aire libre, polo que destacan xusto iso, o de pintar ao aire libre. No canto de atopar unha  cronoloxía, as sete salas están organizadas por motivos. Cadros nos que pintaban pedras, cadros centrados en árbores, cadros de nubes… É un pouco máis complicado de ver que a exposición da fundación Mapfre, pero teñen todos os grandes nomes grazas ao incrible fondo pictórico do museo. E, por suposto, a tenda do final da exposición está moito máis completa que o que podades atopar na fundación Mapfre. Ata o doce de maio.

Foto | Mar axitado, Étretat, 1883, Monet, Museo Thsyssen

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará