Terra, mobles feitos de composto

Terra Na India o té sérvese de xeito tradicional nunhas cuncas feitas con barro do río. Déixanas secar ao sol e danlle un medio cocido nun forno aberto, antes de levalas aos postos de venda de té. Cando se acaba de beber o té, a cunca volve, por así dicilo, á natureza. A experiencia de beber nunha desas cuncas foi a que fixo que Adital Ela, unha deseñadora israelí, se preguntase moitas cousas. Podería facer algo semellante con mobles?

Podía: Ela púxose a investigar sobre as técnicas que durante séculos se empregaran nalgunhas zonas de Oriente Próximo para facer cousas con materiais naturais secados ao sol e aprendeu como se facía en Palestina, en Persia ou en Iraq. Para a súa sorpresa, nas súas investigacións, descubriu que cando a súa avoa vivía en Iraq, facía os fornos empregando estas técnicas de construción, como conta na súa web. “Quedei sorprendida ao descubrir que este coñecemento estaba en realidade na miña familia unha xeración anterior”, dille a FastCompany. Xa tiña a teoría e decidiu levala á práctica. Así nacía Terra, unha firma de deseño que fai mobles ecosostibles e cunha orixe especial.

Os mobles de Terra están feitos con terra, fibras e materiais vexetais que saen do xardín da deseñadora e dos seus arredores. No canto de empregar eses elementos para facer composto, son reconvertidos en mobles de deseño. A técnica de fabricación é sinxela: hai que modelar, hai que prensar e hai que deixar secar durante unhas horas.

Polo momento, Terra só fabrica lámpadas e taburetes, aínda que no futuro terán mesiñas de noite (xa están traballando nelas, como mostran na web). Todo debe usarse en interior porque o exterior e as súas condicións climáticas un tanto adversas son o xeito de desfacerse do produto. Cando un estea farto do taburete ou da lámpada, só ten que deixalo á intemperie para que volva á terra.

Fotos | Terra

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará