Gigposters: os carteis serigrafiados de concertos chegan a Galicia

serigrafia-lee-ranaldo

Creación da serigrafía de Lee Ranaldo.

Calquera aficionado á música que nalgunha ocasión se vise na necesidade de decorar unhas paredes baleiras seguro que entrou en Gigposters.com, escribiu o nome dalgún dos seus grupos favoritos, e cando se decatou pasaran tres horas. Quizais acabase por mercar algo, ou quizais non. Ao fin e ao cabo, os posters de concertos que máis ilusión nos fan son os de eventos nos que estivemos nós. Eu aínda teño na parede da miña habitación na casa dos meus pais o cartel do primeiro Santirock, o do 2000, arrincado a base de tesoiras (e con moitos outros carteis pegados detrás) dalgún muro na rúa. Ver a Ocean Colour Scene por segunda vez, con 16 anos, facía ese cartel moi especial. Pero se non tivese ido ao concerto non me tivese interesado. E iso valía para un cuarto adolescente, pero agora que temos máis estilo e somos máis delicados, o de arrincar carteis xa non nos atrae tanto. Mellor algo limitado, artístico (e limpo).

Deixemos de divagar. O caso é que os carteis serigrafiados de concertos, esas edicións limitadas e especiais que colgar nas nosas paredes, están un pouco máis preto. Se es un dos afortunados que ten entrada para ver esta noite a Lee Ranaldo no Café & Pop Torgal, que saibas que podes facerte cunha das 40 serigrafías (agora xa moitas menos, pero aínda quedan!) creadas con motivo do concerto. O responsable de que estes gigposters de Lee Ranaldo existan é Moisés Pérez, quen conta que “sen moito tempo, sen coñecer artistas e nin idea de serigrafiar, pero con ganas, un pouco de aposta persoal e a confianza de David do Torgal” sacou primeiro a serigrafía do American Autumn e agora a do concerto de Lee Ranaldo.

“Hai 8 anos empecei a coleccionar estas obras, tendo que conformarme sempre con escoller aquel poster dun concerto da xira americana que máis me gustaba”, explica Moisés, “pero co tempo e tras ter acumulado centos de posters, decateime de que os meus favoritos non eran os máis valorados, ou os dos mellores deseñadores; eran os dos concertos aos que tivera ido”. Ademais, levaba un tempo seguindo “a revolución silenciosa de artistas/deseñadores no underground galego”, o que levou á consecuencia lóxica: “pregunteime por que se aquí había concertos, grandes artistas e a xente pagaba unha pasta por unha foto do Ikea para enmarcala na casa; por que coño non ían a comprar posters serigrafiados”.

Dito e feito. A primeira serigrafía foi do Primavera Sound 2011, que se fixo grazas aos “deseñadores, un estudio de serigrafía e 180 fieis que compraron o seu poster a cegas (un crowdfunding de fe)” que atopou no foro do festival. Moisés explica tamén que o máis sorprendente de todo este mundo é o de “ver a evolución da xente cara esta forma de arte, afeitos a arrincar os posters das paredes, custa entender por que pagar por estes posters un pouco máis“, aínda que “cando explicas o proceso e teñen a obra nas súas mans gañaches un novo acólito para a causa”.

E é que estas serigrafías en edición limitada son “obras de arte cunha gran carga emocional”, con esas “sensacións asociadas que volves a vivir, levantar a vista e velo colgado na parede non ten prezo (neste caso si, a prezo de coste)”, puntualiza Moisés.

Cartel de Lee Ranaldo terminado.

Cartel de Lee Ranaldo terminado.

Polo de agora utiliza un taller de serigrafía en Barcelona, pero a idea é traer o proceso a Galicia (talles de serigrafía, pronúnciense). Ademais, Moisés López explica tamén que ten pensado “entrar en contacto con novos deseñadores da terra”, aos que segue “de forma silenciosa”, para facer moitos máis posters de máis concertos e “seguir dando a coñecer este mundo”.

Se aínda non estás totalmente convencido déixanos darche a lectura hipster de todo isto: edición limitada, a firma dun deseñador, arte e música unidas para sempre. E ese concerto que cambiou a túa vida (ou non, a historia tes que poñela ti) para sempre na parede do teu salón. Os prezos son moi asequibles, sobre todo se temos en conta todo isto. Pon un gigposter na túa vida.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *