O outono americano do Café&Pop Torgal

American Autumn 2012 Cafe Pop TorgalOutra vez, e xa van catro edicións, o pequeno Café&Pop Torgal decidiu calar a boca a todos eses que aínda din que a oferta de concertos de artistas internacionais en Galicia é moi pobre. E máis a todos os que din que si, que igual vén xente interesante, pero que sempre quedan polas cidades do eixo atlántico. Mentira.

Nas catro edicións que leva a celebrarse o American Autumn, polo Café&Pop Torgal, en Ourense, teñen pasado músicos como Micah P. Hinson, Laura Gibson, Kathryn Calder, Ken Stringfellow, Rocky Votolato ou Damien Jurado. Una selección que podería parecer moi complicada, pero que se basea nun principio: “só intentamos programar aqueles artistas que nos gustaría ver a nós”, explica David Pedrouzo, co-propietario do Torgal.

E eses artistas, moitas veces afeitos nas súas xiras europeas a tocar en lugares máis grandes, chegan ata o Torgal e o seu público de 100 persoas. A maioría non se sorprenden, di David, porque en Estados Unidos os músicos “xiran continuamente por locais de aforamentos limitados”. Ao resto a sorpresa non lles dura moito. “O que tardamos en falar do polbo, do licor, e da boa xente que vén ao Torgal”.

A edición deste ano contará con Basia Bulat, Howe Gelb, Little Wings, Daniel Martin Moore e Joan Shelley, Craig Finn, Patterson Hood, Will Johnson (estes tres, todos xuntos!) e un artista extra aínda sen anunciar do que tan só nos din “será o 15 de decembro” e que “non é raro que os artistas queiran repetir no American Autumn”. A facer a quiniela todos!

Do que si sabemos algo máis é da novidade que se introduce este ano: un ciclo de documentais musicais. E si, desta vez hai primicia para Disquecool: temos os títulos! Tratarase de ‘The Last Waltz’ de Martin Scorsese, unha “xoia” sobre The Band que será “unha experiencia brutal” en pantalla grande; ‘The Devil & Daniel Johnston’, de Jeff Feuerzeig, e o documental sobre a vida de Chet Baker ‘Let’s Get Lost’, gañadora do premio da crítica do festival de Venecia en 1989.

Iso sobre o futuro. A retrospectiva sobre o pasado é algo máis longa e non pode quedar nas catro edicións do American Autumn. O Café Pop&Torgal está tamén en pleno décimo aniversario. Unha aventura que empezou con “máis pelo” e cuxos primeiros tempos David lembra como “duros pero moi bonitos” polo apoio da xente. “O Torgal é o que é grazas a todos os que algunha vez baixaron as escaleiras para rir, tocar, traballar, ver un concerto, tomar un café…”.

David tamén asegura que, se naquel momento no que empezaron alguén lle tivese dito que en dez anos terían pasado polo Torgal todos os artistas que pasaron (aínda que a lista dos que faltan aínda “enchería páxinas”), non o crería “NIN TOLO” (así, en maiúsculas). “Pola miña “casa” teñen pasado os mellores do indie patrio e o mellor da escena internacional. Chegaron como músicos e na súa grande maioría marcharon como amigos… que máis se pode pedir?”.

Outros dez anos e moitos máis outonos americanos. Como pouco.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *