O disco da semana: Gossamer, de Passion Pit

Tras gastar unhas cantas semanas falando de grupos de baixo poder mediático, o último deles de perfil electrónico, hoxe continuamos recomendando a unha banda que ten nas programacións a base das súas composicións. Non falamos, porén, duns novatos. Passion Pit veñen de lanzar a pasada semana o seu segundo disco, ‘Gossamer’ (Columbia Records, 2012), unha obra de pop electrónico de perfil puramente hedonista. Lonxe da tranquilidade que tanto nos gusta noutras bandas, os de Massachussets decántanse novamente, tralo exitoso ‘Manners’, por pezas luminosas, pouco pretenciosas e sinxelamente vitalistas.

O puro nervio é o que desprende escoitar ‘Gossamer’, mentres Take a walk che vai debuxando un enorme sorriso na cara, e que non tarda máis que un I’ll be allright en convencerte que a posición de sentado non é a mellor para poder gozar o disco todo o que merece. Entón déixaste levar, e abres á porta a esa habitación que, cando abandonas o teu habitual mundo de perdición e amargura, está chea de pompas de xabón, confeti multicolor e esencia pop. Insisto, as pretensións quedan fóra. Aquí do que se trata é dalgo tan sinxelo como deixarse ir e bailar, sorrir, ser feliz e ver en Carried Away a uns Portugal. The Man en potencia, cheos de ilusión por mellorarche a tarde.

Unha tarde que, aínda que non en demasiadas ocasións, tamén che garda un oco para o respiro e a tranquilidade. O xusto para secar as pingas de suor mentres soa Constant Conversations, tomarte un combinado enerxético e recuperar forzas, mentres Passion Pit se deixan levar polas influencias dun M83 desenfadado e informal, e polas súas propias en Cry Like a Ghost. E todos estes títulos que vos comentamos, así, de corrido, antes de que o ecuador do traballo se cumpra, e a explosión de xúbilo volva a producirse, cunha insultante exhibición de cotianidade en On my Way, coa capacidade de quen atopou ese momento na súa vida na que absolutamente todo sae, na que a inspiración é o teu modus vivendi.

‘Gossamer’ será un dos discos do ano, a bo seguro. Non teredes que facer grandes esforzos para atopalos nesas listas do nadal, en tódolos medios. E serao con todo merecemento, mesmo a pesar dalgún momento de certa perda de rumbo, cara ao final, neses temas de perfil algo máis experimental, algo máis caóticos e confusos, algo perdidos no discurso xeral do disco. Pero pouco temos que reprochar. Esta xente fíxonos felices durante tres cuartiños de hora. Sacou esa parte de nós que ás veces escondemos e que conseguimos amosar sen complexos en momentos así. Tan só cabe dar as grazas porque se do que vai todo isto é de que a música nos faga sentir cousas, Passion Pit conseguiuno. Venceu sen paliativos. Nada de diplomas olímpicos, ouro puro.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *