O disco da semana, Shrines de Purity Ring

Ocorreu a finais do milenio pasado. Os efémeros Postal Service foron os que contaron con maior favor de público e crítica, aínda que outros como os aínda vixentes Lali Puna ou Ms John Soda tiveron carreiras máis duradeiras, e unha manchea de cancións enormes. Había que buscarlle un nome a esa escena, e a denominación de “electrónica de sofá” era tan clarificadora como pouco glamourosa. A alguén, no cumio que reuniu a expertos críticos musicais de fama mundial, decidiu que indietrónica podería ser un nome con gancho, e ninguén puido obxectar nada. Naceu, pois, a etiqueta que hoxe, irmáns, nos ten aquí reunidos. A pesar de que pensabades que a indietrónica morrera hai anos.

E aquí entran Purity Ring, o dúo canadense formado por Megan James e Corin Roddick, para revitalizar a electrónica que se escoita sentado (aínda que ás veces se nos vaian os pés), e cun debut cheo de frescura e elegancia, por partes iguais, acaban de deixarnos felices por semanas. ‘Shrines’ (4AD, 2012) é como se chama esta marabilla, que está sendo recibida con entusiasmo entre a prensa especializada que, ás veces, acerta. Como se a Beach House se lle dese unha dose extra de vitaminas, Purity Ring buscan a vitalidade de quen non precisa ser eterno, só espontáneo. Crawlersout e Fineshrine abren o disco cunha mocidade insultante, mentres a metade da escena pensa a esas alturas: “si, é xustamente iso o que levo media vida tentando facer”.

As bases son cousa de Corin, que mesmo coquetea cun ritmo que podería considerarse preto do hip-hop en cortes como Amemany, onde a cadencia da voz de Megan convérteo nun tema pop, case só iso. Como (xamais me perdoarei facer esta comparación) Helena Miquel viste os temas de Delafé, converténdoos nalgo menos vulgar da liña media da banda barcelonesa. Young Magic (quen queira que sexa) é a única voz masculina que se escoita en ‘Shrines’, na delicadísima Grandloves, á que tes que abrazar con extrema precaución, como obra de fino cristal.

Entón chega o pero que todo disco, ou case todo disco, ten. E ademais, o pero de ‘Shrines’ é o mesmo que o de tantos outros. A gran similitude entre moitos dos seus temas. Se buscas un perfil tan tranquilo para a túa aposta musical, tan minimalista, tan sinxelo… tes que buscar sorprender nalgún momento. E un escoita Belispeak ou Saltkin por separado e chega á conclusión de que son temas fermosísimos, pero que unidos aos seis previos comeza a resultar previsibles. E entón chega a escuridade de Obedear e xa nos imos dando por contentos, a pesar de que tardara un chisco de máis… pero deixémonos de estupideces, de pornos sibaritas, e deámoslle ao César o que é do César, e a ‘Shrines’ o que é un discazo.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *