Xa está, xa pasou. Hai uns días aínda estabamos a facer contas e cábalas e buscas en Google para adiviñar cal ía ser o cartel do Festival Sinsal San Simón este ano. O martes desvelouse o segredo. E uns poucos afortunados, uns o martes e outros o mércores, pisamos a illa de San Simón dispostos a deixarnos sorprender. Porque, marca da casa Sinsal, coñecer os nomes dos artistas non sempre leva consigo coñecer aos artistas en si.
O comezo foi enérxico e divertido, con instrumentos made in feito na casa, roupas cor fluor (o que faría sinxelo recoñecelos despois en todos os concertos, dándoo todo en propostas tan variopintas como Alela Diane, Unicornibot ou a conga que se formou cos Shangaan Electro) e un pop percusivo influído por ritmos africanos. Eran os Hoquets, un trío de Bruxelas que xa tiña a todos metidos no peto cando un deles asegurou que eramos un público moi sexy.
A proposta de L’Enfance Rouge, que tocaban a continuación no escenario Paseo dos Buxos, non era apta para oídos delicados como os meus. Pero aí está a beleza do eclecticismo dun festival coma este. Os fans de Sonic Youth ben seguro que desfrutaron e moito dos franceses, que a golpe de guitarras batería e violín, atronaron pedras, árbores e tímpanos.
Aínda con todo tremendo, L’Enfance Rouge baixaron do escenario e deixaron paso a un tipo de cabelos lasos e louros, barba e sombreiro á americana, acompañado dunha muller de vestido de flores. El cantando coa guitarra, ela facendo coros. Se os nomes dos artistas non se tivesen desvelado ata despois do concerto (idea para o ano que vén!), moitos teríamos marchado convencidos de que aquel señor que cantaba folk americano era polo menos de Texas. Pero en realidade era Christian Kjellvander e é sueco.
Ás 3 chegaba o único momento no que dous concertos se solapaban. Se quedabas no Paseo dos Buxos tiñas a Aries, o alias da catalana afincada en Vigo Isabel Fernández. Se marchabas á outra illa, ao escenario San Antón, tiñas a Al-Madar. Nós optamos por ver un cachiño a Aries, porque o seu disco ‘La magia bruta’ nos gusta bastante (aínda que en directo a cousa non acaba de callar), e marchar despois a ver os últimos acordes de Al-Madar: un quinteto de Nova York que se dedica a facer música árabe. Unha das músicas máis inesperadas do festival e un dos mellores concertos.
Despois, ai, despois chegaba Alela Diane. Voz e guitarra, pero como se fose necesario algo máis. A estrela folkie de Portland (en serio, que terá o aire dese lugar?) deu un fermoso recital de folk melancólico baseado especialmente no seu derradeiro disco, aínda que houbo tempo tamén para algunha xoia do pasado (Tired Feet) e xoias novas aínda sen editar que nos deixan con ganas de continuar seguíndolle a pista (Rose & Thorn).
E de Alela Diane pasamos a Maïa Vidal, que co seu acordeón (ou violín), a súa saia e a súa coroa parecía unha fada dalgún conto. E como atraídos por ela, de súpeto varios nenos e sobre todo nenas empezaron a xurdir de entre o público cos teléfonos e as cámaras dos pais, para gravar o concerto. Os que non sabíamos que estaba a pasar comentábamos abraiados o dixitalizadas que veñen as novas xeracións. Despois resultou que era unha das actividades para nenos que este ano organizaba o festival. A música de Maïa Vidal, por certo, tan máxica e chegada dos bosques como a súa aparencia.
Outro dos nomes grandes do festival tocaba ás 6 no escenario Sinsal San Simón: tratábase de Nite Jewel, a propietaria do hit indiscutible do día. Era fácil mirar o cartel e non coñecer a ninguén, pero case imposible non escoitar One Second of Love sen saber que non é nin a primeira (nin a terceira) vez que chega aos teus oídos. O problema quizais foi a pouca conexión cun público tirado no chan cunha música que incita máis a un baile relaxado (o que facía ela).
Unicornibot foron dos poucos, xunto cos Hoquets e Shangaan Electro, que non tocaron para un público tirado no chan. Hai espectáculos que é mellor vivir de pé. Por suposto, os meus oídos delicados tiveron que fuxir de tanto decibelio, pero volveron a tempo para ver como o público entregado ao cuarteto de Pontevedra subía ao escenario para un final de concerto simplemente apoteósico.
E por fin chegaban Alt-J, o hype do festival que todos esperamos que sexan os próximos Radiohead para poder dicir iso de “pois eu xa os vira en 2012 nunha illa tirado na herba”. Estiveron á altura das expectativas? Sen dúbida, aínda que máis por todo o que prometen que por todo o que xa son. Moitos quedamos entusiasmados, a outros deixáronos fríos (na disquerredacción hai división). Haberá que seguirlles os pasos. Ademais, tras velos xogar todo o día a pasarse unha botelliña de auga en distintos puntos do festival, decidimos incluír a actividade como “deporte hipster“.
E xa só quedaba o final: Shangaan Electro, o final perfecto pechando o círculo africano co que empezara o festival. Non bailar era complicado e ter que marchar a coller un barco antes de que se alcanzasen as 180 revolucións por minuto algo que ninguén quería e moitos tivemos que facer.
Todo isto se só falamos da música (aínda que non mencionamos a Simon Russell de Rough Trade, que percorreu a illa pinchando música do selo en distintas localizacións). O outro, o do microparaíso que descubrimos o ano pasado, seguía aí. Quizais este ano sobrase algo de xente atraída polo hype do festival (esa xente que vai aos concertos a falar) e sobrase algo de vento (por dicir algo malo), pero esa sensación de estar no festival perfecto non desapareceu. O ano que vén serán tres días?
Fotos | Andrés Fraga
Volvo para casa namorada… <3