Fai exercicio sen te despeitear: deportes para hipsters

A primavera xa está aquí, o sol brilla no ceo, as temperaturas empezan a aumentar e as árbores empezan a explotar con follas verdes e brotes e ata flores. E, admíteo, ti sentes o estraño desexo de saír a mesturarte coa natureza, de pasear e mesmo correr. Necesitas moverte! Necesitas facer exercicio! Que está pasando?

Non te preocupes, esa sensación que estás a experimentar é normal ata en ti, moderno/a de libro. Afortunadamente, existen deportes feitos á medida para hipsters: non esixen moita habilidade atlética, moitas veces poden ser practicados mentres bebes unha sidra e, o máis importante, son minoritarios. Respiras xa tranquilo, non? Pensabas que íamos propoñer xogar ao fútbol?Non! Aquí vai a nosa selección de deportes hipster por excelencia:

– A túa fixie. A primeira opción é obvia. Resulta que é moi posible que xa esteas a facer deporte! E a verdade é que a fixie conta por dous como exercicio. A estas alturas seguro que xa te decataches de que, en segundo que superficies, coa túa bici de agora fas moito máis esforzo que coa túa bici de cando eras cativo. Non é que te esteas a facer vello (que tamén), é que as fixies en lugares non planos son todo un reto para os nosos músculos.

– Frisbee. Pecha os ollos. Picnic nun parque con mantel de cadros, cesta de picnic (esencial) e copas de viño. A que tamén ves o prato de frisbee a un lado? É natural que che guste o frisbee: trátase dunha actividade barata, pouco competitiva (alguén xogou algunha vez contando puntos? é posible facelo?), altamente respectuosa co medio ambiente, apta para absolutamente todos e perfecta para xogar nun parque sobre a herba.

hipsters deporte badminton– Brilé. Aquí empezan as cousas raras. Todos sabemos o que é o brilé: ese xogo consistente en golpear ao contrario cun balón (e evitar ser golpeado) ao que todos xogamos nas clases de Educación Física do cole. Pode que no momento non fose o teu xogo preferido (no meu cole polo menos había rapaces e sobre todo rapazas con demasiada potencia nos brazos, evitar o balón era cuestión de supervivencia!), pero que saibas que desde hai un anos é un dos deportes hipsters por excelencia en Estados Unidos. Parte da culpa é do filme ‘Dodgeball’ (aquí chamouse ‘Cuestión de pelotas’), unha desas películas con Ben Stiller das que fuximos por cousas como a tradución do título e que, cando un día finalmente vemos (por erro), nos fascinan. A película resucitou ao brilé de entre os mortos e agora é un dos deportes preferidos polos modernos estadounidenses.

– Kickball. Se buscades deportes minoritarios, quedádevos co kickball, buscádelle un nome en galego e empezade a organizar partidos. Que eu saiba, isto si que non existe aquí (aínda que lembro xogar a algún híbrido similar tamén nos doces días da ensinanza obrigatoria): o kickball é como o béisbol, pero en vez de darlle á pelota cun bate, hai que darlle co pé. Non vos queda claro? Recorrede á Wikipedia en busca de máis explicacións, pero que saibades que o caso do kickball é similar ao do brilé en Estados Unidos, con torneos semanais nalgunhas cidades nas que hipsters de entre 25 e 35 anos se xuntan para darlle patadas a un balón. Pero como non é fútbol, está admitido.

– Dardos. Os dardos son os culpables de que exista este artigo: a fin de semana pasada lin nunha revista inglesa que tiña a Zooey Deschanel en portada e reportaxes sobre community managers do máis cool (‘Company‘, compra de aeroporto), que os torneos de dardos en pubs ingleses estaban a empezar a recibir cada vez máis a un público nada habitual en lugares de pintas de cervexa, suor e testosterona: hipsters! Mozos de pantalón pitillo, gafas de pasta, camisas estreitas e oficios como deseñador gráfico. Que fan aí? Resulta que de súpeto os dardos están a atraer a modernos (lembra o requisito de poder beber unha sidra ou gin-tonic mentres xogas), aínda que de momento é algo de moda só no Reino Unido.

– Bádminton. Compañeiro de picnic perfecto para levar xunto ao frisbee: aire libre, nostalxia (non deixa de ser un deporte altamente decadente) e pouco esforzo físico requirido. O bádminton é todo delicadeza, permite movementos gráciles e, xogado coa indumentaria axeitada (quen se atreve cuns pantalóns moi curtos e retro?), dá para unhas fotos perfectas para subir ao Instagram. O ping-pong tamén está a gañar bastantes adeptos entre o mundo hipster, pero non sempre temos unha mesa a man, o que supón un importante inconveniente.

* Desde aquí atrévome a reivindicar tamén ao futbolín como deporte cool (algún día explicaremos por que, supoñendo que sexa necesario). O da billarda é tamén unha idea, aínda que non acabamos de ver a hipsters delicados uníndose ao xogo.

Fotos | Disquecool

Shares

11 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *