Peixes do Miño con estrela Michelín

Degustación de aceites, sales e manteigas artesanas. Silabario

Es dos que desconfía do adxectivo creativo cualificando á comida ou dos que morren por (ter cartos suficientes para) probar calquera prato que destaque, ademais de pola calidade pola súa orixinalidade? Para os segundos, a Guía Michelín é probablemente un indicativo fiable de restaurantes apetecibles. Si, é certo que algúns  a tachan de demasiado tradicional, pero ao menos en teoría, premia materia prima, creatividade e esmero. Todo iso rodeado de certo aire de distinción que probablemente ben dado polo prezo.

Eu vou posicionarme. Durante anos e anos non entendía ese fervor adulto por comer fóra da casa. Pero é que posible atopar nalgures unha comida máis rica que a feita pola miña nai? Ata que descubrín (lonxe da Guía Michelín, iso si) as mesturas inesperadas, os bailes de texturas, os sabores inundando o padal desordenadamente, o aspecto lúdico da gastronomía. Desde entón, nunca rexeito unha nova experiencia nun novo restaurante.

Costillar de vaca vieja con calabaza pochada y queso curado de Arzúa. Silabario

Non puiden máis que relamberme, entón, cando Disquecool foi convidado a comer peixes de río (e algo máis) no restaurante Silabario de Tui, último restaurante galego honrado coa distintiva estrela Michelín. A xornada comezou cun paseo polo Miño onde recordei como impresionan as vistas de Tui desde a auga, aprendín que a Ponte Internacional sostense con piares de piñeiro e vin as pesqueiras onde se apresan lampreas e zamborcas.

Vista de Tui dene o MiñoXa no restaurante Silabario, recibiunos o recendo da leña acabada de cortar como bo reclamo publicitario do forno de leña que empregan no seu interior. O edificio no que está situado o restaurante (o hotel Colón) co seu aspecto oitentero, non é o que un espera dun templo de alta cociña, pero o interior axustase máis ás nosas contemporáneas expectativas. Trátase dun local non moi grande  (sete ou oito mesas distribuídas xenerosamente) pero inundado de luz. Unha gran cristaleira con vistas ao campo tudense, fronte a un espello, multiplican a claridade da habitación.  Outra cristaleira permítenos ver en todo momento o interior da cociña, onde Alberto González Prelcip (membro do Grupo Nove) e Raquel Alonso (a segunda de a bordo) campan as súas anchas.

Pero imos ao que realmente importa: a comida. O noso era o menú degustación do Miño, para re-coñecer ao peixe de río desde unha nova óptica. Comezamos cunha degustación de aceites, sales e manteigas artesás con pan feito en forno de leña, que como fan do almorzo xa me emocionou bastante, aínda que tiven as miñas dúbidas sobre como e canta sal debe probarse de cada vez. Despois, sete pratos/racións -con pequenas cantidades, a idea é degustalo todo- entre os que atopamos, con produtos do Miño, o tártar de zamborca envolta en pack-choi, vinagreta cítrica e ovas de salmón, a ventresca de salmón do Miño marinada con crema de requeixó ou a lamprea á bordelesa (a clásica lamprea no seu sangue). Pero o que máis me chamou a atención foi a lamprea afumada e glaseada con tirabeques ternos e xugo de pementos asados, suave, delicada, e da que non podo evitar dicir que non sabía como un espera que saiba (neste caso para ben) a lamprea.

tártar de zamborca envolta en pack-choi, vinagreta cítrica e ovas de salmón. SilabarioTamén probamos algún prato de carne como a moellas de tenreiro  á brasa ou o costeleta de vaca vella á grella. E por suposto, sobremesa. A conclusión que un saca é que ao final, o que un vai comer é case o de menos. O mimo co que se coida cada prato, a combinación de ingredientes -algúns que crerías non pegan nin con cola-, a re-visitación á tradición culinaria galega desde un punto de vista innovador e o resultado que nunca semella discordante son as probas de que cociñar ben podería ser á décima arte.

E intercalando os pratos, as visitas de Alberto ás mesas, para explicar amablemente que é o que temos diante, recomendar un bo viño ou confesar cal é o mellor pan de Galicia.

Probablemente agora a túa boca xa estea chea de saliva, e a túa cabeza murmure algo coma: si, moi ben, pero tanta delicia a canto se paga. Pois cara. Hai un menú degustación longo que sae a 52 euros máis IVA, e outro estacional, máis curto e ancho, a 38 euros máis IVA, sempre sen viño. En canto aos pratos da carta, podes velos todos na páxina web de Silabario.

Evidentemente, é un restaurante chic no sentido clásico do termo. Pero a medida que un crece cada vez entende mellor aos seus pais. Quizais si valla a pena, por un día,  investir en comer diferente. Quizais o turismo gastronómico mole tanto como o museístico.  Quizais unha estrela Michelín pronto acenda algo nos nosos circuitos neuronais de motivación.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *