Quedada disquedeportiva. Convidámoste a suar con estilo! – Desconvocada

*ACTUALIZACIÓN – A Chuvia non é boa compañeira para os deportes ao aire libre, así que nos vemos na obriga de desconvocar a quedada disquedeportiva. Non tardaremos en anunciar nova data, a ver se desta vez acertamos co tempo!

Agora que máis ou menos fai sol e as temperaturas invitan a saír á rúa quedaches sen escusas. É o momento de deixar atrás a fase de hibernación —esas tardes de peli e manta e procrastinación cibernética—, e desentumecer os nosos corpos cunha xornada de deporte ao aire libre. Iso si, sempre con estilo. Hai unhas semanas falabámosche de deportes hipster, agora convidámoste a practicalos con nós. Preparamos unha quedada informal disquedeportiva!!

Se che apetece suar como un auténtico hipster, quedamos no Parque de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) o próximo sábado 26 de maio a partir das 18.00 horas, para poñer os nosos corpos en movemento. As modalidades a practicar son as seguintes:

– Frisbee. Gústanos porque é apto para case todo o mundo, e porque é ideal para practicar nun parque sobre a herba.

– Brilé. Para aqueles que se animen, podemos rememorar as nosas infancias e montar unha partida de brilé (a poder ser máis pacífica que nos nosos tempos escolares).

– Bádminton. Somos moi fans deste deporte, que tamén resulta perfecto para unha tarde de parque.

Estas propostas disquedeportivas non están pechadas, estamos abertos a calquera achega, sempre que sexa cool ;)

Nós levaremos algún material (raquetas de bádminton, un balón, un frisbee…), pero dada a nosa condición pouco deportiva as nosas posesións son limitadas, así que recomendamos e agradecemos que aquelas persoas que poidan traian o seu equipamento.

Outro punto importante (lembrade que este evento é carne de Instagram), é a vestimenta. Tomade exemplo do noso modelo e traede as vosas mellores galas hipsterdeportivas.

Podemos rematar a xornada cun pequeno pícnic colectivo. Se cada participante trae algo de comida e/ou bebida poderemos repoñer enerxías xuntos. Xa sabedes que o mellor de facer deporte é poder comer sen remordementos. E despois cadaquén é libre de ir ver a final de Eurovisión ou descansar os seus músculos como considere.

PD.- Para completar a tarde recomendamos desprazarse ata Bonaval en bici (en fixie os máis valentes).

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *