Verán de camping

Agora que se achegan as ansiadas vacacións somos moitos os que comezamos a facer plans (e contas) sobre como salvar o verán. Praias paradisíacas, cidades cosmopolitas, montañas exóticas… o certo é que as veces pasamos por alto os pequenos tesouros que sempre nos podemos permitir. E nin sequera precisamos quince días libres, nunha fin de semana ben organizada, poderemos esquecer o mundanal ruído.

E para facelo nada mellor que ir de cámping.  Os románticos dirán que por a túa tenda de campaña no lugar habilitado para iso, rodeado  de nenos berróns alleos, pouco ten que ver coa paz da natureza da que falaba Fray Luís de León. Pero sen dúbida algúns cámpings poden resultar unha fantástica base para gozar das mellores paisaxes de Galicia.

Superado o desgusto de ver pechado o cámping de Ons, déixovos cinco propostas de zonas onde vale moito a pena acampar este verán para relaxarse na natureza.

1. Illas Cíes. O cámping das Illas Cíes non é ningunha marabilla, pero pasar uns días alí vale moito a pena. Se madrugas (e afastaste do cámping) ata poderás sentirte en terra virxe, bañándote en praias desertas e admirando o horizonte coma se foses a conquistalo.  Iso é gloria.

2. Os Ancares. Hai diversos cámpings nos Ancares e todos serven para internarse nesas fermosas montañas cheas de bosques, restos romanos, ríos e mosteiros. Probablemente sexa a mellor opción se o que queres é comuñón coa natureza. Podes atopar ata osos pardos!

3. Praia das Catedrais. O cámping A gaivota está a un paseo da Praia das Catedrais, e sendo o entorno bastante menos salvaxe que o do resto da lista, permítenos visitar a Praia das Catedrais, esa marabilla onde o mar esculpiu arcos e recantos dignos da mellor das igrexas.

4. A Curota. En A Curota (unha montaña en Ribeira) hai moita acampada libre, o que para moitos pode ser un plus (non para os que necesitamos duchas constantemente, aínda que debo dicir que hai río). As vistas desde aquí son bastante impresionantes, aínda que sempre queda a dúbida de se un está a facer algo alegal.

5. Serra do Gerés. O cámping Parque Cerdeira está, en realidade, en Portugal, pero para os do sur de Galicia tanto nos ten. Andando desde o cámping poderás baixar a un lago enorme e moi pouco solicitado, con tortuosas rutas senderísticas nas que é imposible non perderse. Pero con esas vistas a ninguén lle importa moito. A maiores, o cámping está bastante ben e propón actividades de turismo activo.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *