Fixies, a cultura do piñón fixo

Son sinxelas, limpas, personalizadas, estéticas. Son tendencia nas grandes cidades de todo o mundo, e pouco a pouco están comezando a verse tamén en Galicia. Requiren práctica e forma física, e os seus donos adóptana como unha filosofía de vida. Son as fixies, bicicletas de piñón fixo, e están de moda.

Se non entendes nada, pensa nunha bici reducida á mínima expresión: rodas, cadro, cadea, prato, guiador, sela e pedais. Fixie é unha abreviatura de fixed gears, que significa engrenaxe fixo ou piñón fixo. Son por tanto bicicletas cunha soa marcha, nas que a roda traseira e os pedais están conectados a través dun único mecanismo, polo que os pedais están sempre en movemento cando a bici está en marcha. A maioría non teñen freos, polo que hai que parar deixando de pedalear. Ademais, tamén é posible andar marcha atrás.

Están inspiradas nas bicicletas utilizadas nos velódromos nos anos 50 e 60, pero sobre todo foron os mensaxeiros as que as puxeron de moda en cidades como Nova York nos anos 80. Son máis baratas e lixeiras, requiren pouco mantemento e permiten alcanzar moita velocidade en poucos metros, polo que foron rapidamente adoptadas por estes profesionais para moverse entre o tráfico.

Hoxe, hábiles ciclistas utilízanas para desprazarse pola cidade, especialmente en grandes urbes. A verdade é que ten o seu mérito, non só pola cuestión da freada -algúns optan por colocar un freo dianteiro pero a maioría detéñense deixando de pedalear-, senón tamén polas costas, nas que non terás ningunha axuda para subilas, e nas que te verás obrigado a pedalear todo o tempo para baixalas, renunciando ao pracer que supón deixarse caer nun desnivel.

Ter unha fixie implica practicar e estar moi en forma, pero é ademais toda unha filosofía de vida. Por unha parte, recupera a forma orixinal da bicicleta, pura e sinxela, sen cables e sen marchas. Por outra, aposta pola reciclaxe e a personalización, pola idea de construír a bici ao teu gusto.

Aqueles que senten paixón por este medio de transporte constrúen as súas fixed gears reciclando cadros doutras bicicletas e reunindo pezas de aquí e alá. Tamén están xurdindo tendas especializadas nas que podes encargar bicis deste estilo ao teu gusto, elixindo cores e pezas. Se queres experimentar por ti mesmo as diferentes opcións e deseñar a túa propia fixie, podes facer a proba en webs como Indiebikes ou Fixiestudio. Xoga coas cores da sela, do cadro, da cadea, das rodas, e verás como engancha. Pode que non te convenza o seu uso (eu cánsome só de pensalo), pero é difícil non apreciar a súa estética.

De momento, Galicia permanece allea á moda das fixies, pero si se empezan a ver algunhas polas rúas (incluso en Vigo, onde non debe resultar nada fácil…), e os temas relativos á súa compra e montaxe ocupan entradas en foros especializados en ciclismo.

Se nunca tiveches oportunidade de ver unha en acción, deixámosche un vídeo do colectivo fixie Macaframa percorrendo as rúas de Nova York.

Macaframa New York Trip from MACAFRAMA on Vimeo.

Fotos | Andrés Fraga e Fixiestudio

Shares

11 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará