Reciclaxe Churruca: razóns para non faltar

Reciclaxe ChurrucaQue que unha idea que naceu nunha habitación co típico pensamento de “teño demasiada roupa” poida rematar cunha xouba xigante a modo de dragón chino percorrendo as rúas de Churruca a ritmo de gaitas, di bastante do grao de evolución acadado polo Reciclaxe no seus cinco anos de existencia. Porque iso é precisamente o que se atoparán os inxenuos que pasen mañá a iso das dúas da tarde pola zona de Churruca en Vigo. Unha xouba xigante, repetimos. E gaitas.

Pero unha vez recuperados do shock de ver a un dos peixes galegos por excelencia en formato XXL (creada no obradoiro para nenos que haberá pola mañá na Sala Playmobil), o que tocará será mirar ao teu arredor: si, os bares están abertos. Entón será cando mirarás o teu reloxo e ao ceo confundido preguntándote se non serán as 2 da mañá. Tras un breve momento de desorientación (hai eclipses ao revés, que fan que se faga o día durante a noite? que fixen nas últimas 12 horas?), decidirás entrar nun dos bares. A confusión aumentará.

Todo parecerá normal. A música habitual, a barra, caras coñecidas… pero cun extra: ademais das típicas bebidas, de súpeto atoparás tamén postos (dentro dos bares, si) que venderán as cousas máis variopintas. Desde roupa (de segunda man, vintage, marcas…), ata libros e discos, e todo o que poidas imaxinar. Por haber, haberá ata un stand de perruquería e maquillaxe. Aquí deixarás de preguntarte cousas. Churruca mola, pensarás. Benvido ao Reciclaxe.

Dicimos Reciclaxe Churruca porque o evento ten lugar desde hai varios anos nesa zona de Vigo, pero a súa primeira edición tivo lugar en Tui hai xa un lustro. E a idea naceu da forma máis sinxela, e como nacen as mellores ideas: nunha habitación (os garaxes están sobrevalorados), mirando cara un armario rebosante. Andrea da Silva, propietaria do saturado armario, quería seguir mercando roupa, pero non tiña moi claro onde metela. E ademais moitas das súas prendas antigas xa non as utilizaba. “Que podo facer con todo isto para facer hoco?”, preguntouse. “E se fago un mercadillo coa miña roupa?”. Voilà.

Tras a estrea en Tui, o ano seguinte o Reciclaxe trasladouse a Vigo, e contou coa participación de tres bares que ofreceron o seu interior para os postos. En 2009 os bares participantes eran cinco. Este ano son 17. En canto ao número de postos, este ano hai o dobre que na edición pasada. 120 postos. Dise rápido.

Reciclaxe Churruca

Pero non todo é mercar, senón que haberá tamén lugar para outras das nosas actividades favoritas: comer e ir a concertos. Na base de operacións do Reciclaxe Churruca, situada en La Casa de Arriba, cociñarán unha paella xigante, e o resto dos bares tamén ofrecerán comidas para os famentos compradores: nécoras, mexillóns, empanada, e ata sushi. Este ano, ademais, tamén haberá menú para vexetarianos e celíacos. E a s galletas de Mmmh! Tartas de Bea, claro.

A música en directo chegará a partir das 4 da tarde cos Concertos para levar: I am a man, La Familia, You Dog!!, Clover, Los Septiembre, Hedonistas… e continuará pola noite na sala Mondo, co Festival Metamovida (con Za! como cabeza de cartel).

Vémonos mañá, non? Non esquezas pasarte polo photocall que haberá instalado na Casa de Arriba. E se por casualidade atopas a Cabral nalgún dos postos do Reciclaxe, lévaa xunto a Sabarís, que estará esperándoa no photocall. Sabarís é ese paxariño deseñado por David Sierra Martínez que aparece nos carteis do Reciclaxe. Cabral é a súa moza e merecen estar xuntos nun evento tan importante. Por suposto, haberá premio para quen logre xuntalos.

A reciclar!

* Tes toda a información na web do Reciclaxe Churruca e no seu Facebook. Tamén podes seguilos en Twitter. Nós, como medio oficial, estaremos a facer un seguimento en directo mañá tamén en Twitter, atentos!

Fotos | Reciclaxe Churruca

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *