Amasar converteuse en parte da súa vida, por iso non resulta estraño chamala por teléfono e atopala precisamente así, transformando obxectos queridos en galletas, reproducindo órganos vitais con azucre, facendo convivir sobre o biscoito as diferentes paixóns dos homenaxeados nun aniversario. As Tartas de Bea non teñen límites: unha cámara de fotos, unha esférica bola do mundo, unha Canon 5D, unha bata de médico… Calquera idea pode converterse nunha apetitosa sobremesa grazas ás habilidosas mans e á imaxinación de Bea De Labra.
Xa de pequena, esta artista pasteleira facía tortas coa súa avoa.”Somos unha familia de doces”, explica. Pero a idea de dedicarse profesionalmente á repostería chegou bastantes anos despois, un pouco por casualidade. Bea tivo unha época na que foi macrobiótica e nesa etapa empezou a experimentar cos ingredientes, ideando tortas sen azucre, sen glúten…, buscando novas fórmulas adaptadas a esta filosofía nutritiva. Facía pasteis para os seus amigos, e pouco a pouco comezaron a xurdirlle encargos.
Hoxe xa non é macrobiótica. “Encántame o azucre, así que volvín”, explica Bea, e os encargos son tantos que non ten tempo nin de tomarse unhas vacacións. Desde febreiro traballa desde Vigo, a onde volveu despois de vivir 8 anos en Barcelona. Bea estudou Historia da Arte en Santiago, e Doutorouse en Barcelona en Deseño de Espazo Público.
As tortas de Bea nacen pois da experimentación, do seu amor polos doces e da aprendizaxe constante. “Non prentendía dedicarme a isto”, afirma. “Eu non son reposteira, vexo blogs de cociña, de repostería…”, explica esta pasteleira, que antes de tomar a decisión de volver a Vigo traballaba na Universidade en Barcelona.
Os seus doces teñen sen dúbida un gran mérito artístico, e Bea, que confesa “ter probado de todo” no ámbito da creación, móstrase moi contenta de ter atopado, por fin, “algo creativo” que se lle dea ben.
Desde a súa casa, Bea fai tortas, pasteis, galletas, madalenas, cupcakes, macarons, whoopie pies (un postre americano), cake pops (galletas en forma de piruletas), e o que faga falta, “desde o máis sinxelo ao máis rocambolesco”, todo personalizado. Fai encargos para todo tipo de eventos: aniversarios, festas temáticas, corporativas, San Valentín, bautizos, despedidas de solteiros…, “todo o que un poida imaxinar”.
Se lle preguntas que torta ou doce destacaría teno claro: “A min gústanme todos, téñolles cariño”. Aínda así, confesa a súa paixón polas galletas e polos temas que teñen que ver coa música. Case todas as súas creacións son diferentes e entre as súas tortas, que podes coñecer no blog de Mmmh!! Tartas de Bea, atopamos desde pistas de atletismo, a Kits de enfermeiros, galletas en forma de marisco, teclados Waldorf Blofel, obras artísticas comestibles inspiradas en Andy Warhol, e un corazón anatómico con todas as súas veas.
Bea recibe encargos de toda España, pero por cuestións de conservación só envía galletas fóra de Galicia. Os interesados póñense en contacto con ela por mail ou teléfono e entre os dous desenvolven o tema e ingredientes, un proceso tan importante como a propia elaboración do doce. A reposteira explica que a xente non sempre ten claro o que quere e que algunhas veces ten que incluír moitos elementos distintos nunha mesma torta: unha praia, un Fiat, unha pelota, Buzz Lightyear, o peixe Nemo e un oso de peluche, por exemplo, convivindo nun mesmo pastel.
Cal é o segredo? “Paciencia e que che guste”, salienta Bea. Moita paciencia e imaxinación para tortas e galletas que parecen obras de arte, e que curiosamente a súa creadora goza esnaquizando, algo que incluso a relaxa. Os agasallados, pola contra, seguramente en moitos casos desexarían conxelalas, gardalas para sempre, se foran quen de vencer á tentación larpeira.
Fotos | Tamara De La Fuente y blog Mmm!! Tartas de Bea
4 comentarios