Sugar Pot: os caramelos máis coidados de Vigo

Sugar Pot Candy Store

Que neno non soñou nunca con ter unha tenda de caramelos e larpeiradas? As cores vivas, o cheiro a azucre, botes e botes ata arriba de distintas lambetadas todas ao noso alcance. Trátase dun soño levado ata o extremo por Roald Dahl na súa fábrica de chocolate ou, quedándonos en algo máis local, o que Natalia e Iria viven cada día en Sugar Pot Candy Store, unha tenda de caramelos da rúa Ecuador en Vigo que desde decembro fai as delicias dos nenos do colexio que teñen enfronte.

Sugar Pot Candy StoreClaro que neste caso Natalia e Iria, que son irmás, non soñaron desde sempre con ter unha tenda. Cada unha levou a súa “accidentada” traxectoria profesional polo que ditaban os seus estudos: Natalia é licenciada en Belas Artes, Iria é química. E quizais por iso, e polo desexo de facer “algo diferente”, Sugar Pot Candy Store non é unha tenda de lambetadas ao uso, e entre os seus fans incondicionais non están só os nenos do cole. Hai algo que atrae ás nais, e hai algo que atrae a toda esta nova xeración de amantes da repostería creativa.

O primeiro que chama a atención é o escaparate: coidado ata o último detalle, estes días conta cunha especie de picnic de aniversario: un mantel (de cadros, como debe ser) no chan, unha maletiña, unha torta azul ceo e moitos cupcakes a xogo. Unha imaxe que obriga á xente de máis de 15 anos a pararse ante o escaparate e mirar con curiosidade. Unha das xambas da porta é un paliño de caramelo vermello e branco xigante. O subtítulo “Candy Store” invita a entrar.

A entrada da tenda é o paraíso dos nenos, con todas as lambetadas. Pero Sugar Pot é moito máis ca unha simple tenda de larpeiradas. Estas son moitas veces artesanas, feitas por  Natalia e Iria. “Facemos preparados, hai moitísimos encargos“, contan mentres traballan sen pausa na creación duns ensartados de cores fantasía extremadamente atractivos. Moven as mans coa rapidez e o automatismo de quen leva a facer algo toda a súa vida, pero confesan que non é así. “Non tiñamos nin idea”, aseguran. “Imos moi sobre a marcha, hai que pensar rápido e facer rápido”. Iso si, as técnicas de belas artes e os coñecementos de química son moi útiles á hora de meterse a facer caramelos.

Claro que iso non é o único que fan. Se unha parte da tenda está adicada á facer que os nenos sexan felices, a outra vai para toda a xente que busca como facer cupcakes ou calquera outro tipo de repostería creativa en Internet e se atopa con que piden ingredientes moi raros. Antes había que pedilos por Internet, agora poden mercarse en Sugar Pot. “A verdade é que hai moita demanda destas cousas”, contan. “A xente tiña ganas de algo distinto, Vigo é unha cidade bastante grande, pero cun modelo de negocios moi arcaico e desfasado”.

Sugar Pot Candy StoreA resposta, polo tanto, está a ser moi boa. “Estamos moi sorprendidas e algo desbordadas”, din, aínda que teñen un montón de ideas para facer cousas novas. “A xente está a pedir unha tenda online, por exemplo, aínda que de momento preferimos centrarnos no que hai, asentarnos e coller ritmo”. Tamén, por suposto, está a idea dos cursos e obradoiros, algo que se pregunta de forma case instantánea ao ver que tamén venden material de repostería creativa. “O que queremos é crear un pouco de comunidade e que este sexa un negocio vivo, que vaia cambiando”.

Aínda que algo de comunidade xa hai: as rapazas de Sugar Pot son amigas de Bea de Mmmm! Tartas de Bea e da Tía Nuna, de Homemade Craftytalleres, cuxa pegada é ademais evidente en moitos lugares da tenda. Alfombras e puffs de ganchillo e, no Nadal, un escaparate creado por ela. A quen non coñecen son ás Divina’s Cookies. “É moi curioso, abrimos case á vez”, contan. A súa idea é similar, aínda que “en Sugar Pot temos tamén o dos caramelos, que era ademais a idea inicial, Divina’s están máis enfocadas á repostería cretativa”.

De todas formas, a xulgar pola demanda, hai sitio para todos. Cantos máis, mellor. Que unha cidade industrial coma Vigo se estea a converter nun pequeno paraíso dos amantes dos doces é, ademais, algo fantástico.

*Sugar Pot está no número 32 da rúa Ecuador en Vigo.

Fotos | Disquecool

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *