Tía Nuna: a reivindicación do feito a man

Colgante da colección Lembranza

Xa o dicía seu avó: “Esta nena é unha artista”. Os maiores son sabios, e Ana Tenorio rematou por estudar Belas Artes, e despois dun tempo dedicándose á fotografía e a videoarte acabou no mundo da publicidade e o deseño gráfico. O nacemento dos seus fillos foi “un punto de inflexión e de reflexión crucial” para a súa carreira. “Decidín deseñar para min e para eles, e recuperar a miña paixón polo traballo feito a man, desde unha versión máis persoal”. Aí naceu Tía Nuna, a marca baixo a que se agocha esta artista polifacética que se serve de técnicas tradicionais como o ganchillo para expresarse. Iso si, cun enfoque contemporáneo. O contacto directo cos materiais e as ferramentas manuais marcan esta nova etapa de Ana, que tamén comparte os seus coñecementos crafty nos obradoiros Home Made, con sede en Vigo.

Todo comezou cun blog. Animada por un amigo, Ana decidiuse a publicar as creacións que facía para ela e os seus fillos, manualidades feitas na casa que explicaba en forma de titorial. “O nome tiña que soar a algo familiar ou relacionado co fogar, así que lembreime de como o meu fillo chamaba á súa tía ‘Nuna’ en vez de Nuria e parecíame encantador con aquela voceciña que tiña. Así que non o dubidei e o collín como nome para o blog, porque pensaba que sería algo entrañable que lembrar para sempre”, explica esta artista. A marca naceu case coma unha consecuencia, coa creación de distintas coleccións de complementos que vende a través de internet.

Ana sempre estivo rodeada de pezas feitas a man pola súa nai e pola súa avoa, “que sempre estaban a ganchillar, calcetar ou bordar algo”. “Teño cantidade de traballos feitos por elas que lembro desde nena e gardo coma ouro en pano”. Quizais por isto na súa tenda online en Artesanio podemos atopar coleccións como Lembranza, un novo enfoque do ganchillo máis tradicional. “Todas as coleccións representan unha faceta da miña personalidade, cada unha ten algo de min, e todas son realmente coleccións de obxectos inspirados en imaxes mentais ou conceptos que intento representar desde un enfoque persoal, cunha intención evocadora das emocións que sinto”, afirma a responsable de Tía Nuna. Así, por exemplo, dun paseo por unha fraga galega xorden cousas como as pulseiras ou os broches da liña Fento, baseadas nas formas orgánicas da natureza. Complementos, xoiaría a ganchillo, amigurimis (bonecos tecidos) e ata bolsas de tea coas ilustracións de Ana son algúns dos produtos que podemos atopar no seu espazo de venda na rede.

Un obradoiro de amigurimi organizado por Home Made

Pero Tía Nuna é sobre todo “un proxecto aberto”, tal e como puntualiza Ana. “Aínda que en xeral haxa pezas feitas a ganchillo actualmente na tenda, traballo multitude de técnicas que pouco a pouco espero que teñan o seu propio espazo”. Tamén traballa por encargo (un exemplo é este espectacular boneco gorila feito a man) e desenvolve proxectos específicos, como a decoración do establecemento de caramelos Sugar Pot, para o cal deseñou varios obxectos coa técnica do ganchillo xigante, como unha enorme árbore de Nadal.

Decoración crochet en Sugar Pot

A outra pata de Tía Nuna son os Home Made Craftytalleres, que desenvolve coa axuda de Marta Ibáñez, onde imparten cursos de técnicas moi variadas, como amigurimi, ganchillo, calceta, bordado, agulla máxica, big crochet (ganchillo xigante), serigrafía e estampación e repostería. “Os craftytalleres teñen moita aceptación, e aínda que as estrelas son os relacionados co ganchillo e o amigurimi, queremos introducir novas técnicas non tan relacionadas co tema laneiro. En Home Made tamén transmitimos que a técnica, aínda que necesaria, non o é todo. O máis importante é o enfoque que lle poñas á peza que queiras facer, e niso tamén formamos, na mirada. Non é o mesmo un bordado tradicional que o que se pode chegar a facer con outra visión máis actual e artística”.

Ao contrario do que se poida pensar, aos craftytalleres non só asisten mulleres, senón tamén homes e nenos e nenas que acoden cos seus proxenitores, “respírase moi bo ambiente”, explica Ana. Neste senso, a deseñadora opina que a crise ten tamén un lado bo, e é que está axudando moito ao movemento Do It Yourself e o Handmade. “A xente quere pasar un bo rato mentres aprende a facer as súas propias cousas en boa compaña”, sostén.

Os Craftytalleres celébranse en Vigo, ainda que tamén fan actividades puntuais noutras cidades galegas como Santiago, onde recentemente celebrararon un obradoiro de amigurimi. Ademais dos cursos, desde Home Made impulsan quedadas para compartir e intercambiar ideas e opinións ao redor do crochet, que organizan a través da páxina de Facebook Crocheteando en Vigo.

Fotos | Tía Nuna

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *