A ponte da Constitución marca case oficialmente o comezo de Nadal. E cando aproveitamos para engalanar a casa, sacar a árbore de Nadal, e comezar a comer turrón. E tamén cando escribimos a nosa carta aos Reis e os máis previsores, ata mercan os primeiros regalos.
Por iso estas dúas últimas semanas en Disquecool parecemos obsesionados cos mercados de artesanía e deseño: gastade, gastade, vos animamos. Porque este ano tense tomado conciencia da importancia de facer gasto no pequeno comercio local, pero sobre todo porque se trata dun tipo de agasallos, con personalidade, que son os que triunfan.
Non é que ao Bee Market un se achegue só para mercar regalos. Un pode (e debe, incluso) facelo, pero sen renunciar aos autorregalos. Ou simplemente sacar partido dos seus obradoiros para nenos ou probar unhas crêpes ricas da crêperie bretona Annaick. Gozar do ambiente dun mercado con algúns toques distintivos.
O primeiro o lugar, que debo recoñecer que a min non acaba de convencerme. O Bee Market sitúase no hall do Auditorio Mar de Vigo, desde onte e ata este domingo, cun horario de 12 a 22 horas. Para min o auditorio en cuestión está un pouco como no medio de ningures, pero o certo é que cando onte me acheguei había bastante ambientillo. E unha das organizadoras, Carmen Iglesias, explicoume que de feito, o lugar foi unha das principais inspiracións para sacar adiante o proxecto “apetecíanos sacar partido a un espazo grande como este, de entrada, que queda sempre inutilizado”. A outra razón foi a de propor un escaparate a moita xente cunha inclinación cara a artesanía pero que, en certos casos, viuse abocado a tratar de vivir disto como consecuencia da crise.
Outra cousa que diferencia a Bee Market doutros mercados é a imaxe, pois trátase do primeiro evento cara ao público da empresa de arquitectura efémera Demostra. Así, fronte aos clásicos stands modulares en branco, atopamos o protagonismo dun material como a madeira, que axuda a crear un concepto estético máis traballado.
Por último, Bee Market quere identificarse cun consumo con conciencia, o que se ve reflectido nos participantes do mercado. Atopamos un consumo ecolóxico, de pequena empresa e de inclusión, con propostas coma a do viño ecolóxico de Mundo Alvariño, a artesanía con produtos de reciclaxe da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral, moitísima xoiería (Comocuando, Areladefe, Silvereira, O gato con joyas, Desayuno con abalorios…), dous postos moi interesantes en coiro, produtos para nenos, roupa orixinal, libros de Rinoceronte Editora ou lámpadas de cartón. Iso si, o posto con máis éxito é sen lugar a dúbidas o que comparten mmmh, Tartas de bea e Cocoguacakes, con galletas de Nadal e doces deses que un saliva só con miralos. Para comer tamén temos crêpes, xeados ou ricos montaditos a cargo de Lume de Carozo. En total, 34 propostas que dan protagonismo ao traballo creativo de pequenos emprendedores.
Como xa dixemos, o Bee Market tamén ten unha vocación de ocio, con obradoiros infantís de postais navideñas, galletas de Nadal ou proxectos de reciclaxe, contacontos, música en directo e happy hour a partir das 18 horas para os maiores.
Podes visitar o Bee Market ata este domingo no Auditorio Mar de Vigo (Avenida de Beiramar 59). A entrada é de 1 kg de comida ou 1 euro que se doará a comedores sociais.
A páxina web tampouco inspira moito a visitalo. Nada que ver coa do mercado da estrela. Deberíanse ter máis en conta este tipo de detalles. De todos, seguro que o contido é interesante, a ver se podo pasarme o sábado.
Parabens polo voso traballo. Sodes o nº1 de blogues galegos =)