Carmiña Maniquí: artigos vintage para todos os gustos

Carmiña Maniquí

Quizais algún venres ou sábado noite, vagando con frío por Churruca (unha das zonas de saír de Vigo), percibas unha tenda nova á altura da rúa Uruguai. Verás o enreixado baixado, as luces apagadas, pero non poderás evitar achegarte a mirar. Nun dos escaparates, atoparás a palabra vintage escrita ben grande, noutro, segunda man, e ademais: unha mesa de noite de madeira decapada, vaixelas de porcelana con estampado floral, unha gaiola dourada, manequíns con roupa variada. Buscarás o rótulo do local: Carmiña Maniquí. A estas alturas, a curiosidade, xa desbocada, non poderá evitar desexar entrar para descubrir os segredos dos obxectos alí mostrados. Porque non sei a ti, pero a min as tendas de segunda man parécenme do máis suxerinte.

Hai que pensar que o vintage leva xa un bo tempo de moda: camafeos, paxariños clásicos como motivo decorativo, mozas novas con bolsos de clic (tamén chamados “de avoa”), cuncas que ata hai poucos anos considerabamos horteras, pero que agora son kitsch, e polo tanto, cool… unha tenda de segunda man parece, neste contexto, ademais de suxerinte, unha boa aposta. E se a iso lle sumamos os tempos que corren, a crise galopante, a imposibilidade de facerse con roupa orixinal a prezos alcanzables e as gañas de fuxir do imperio Inditex aínda máis.

Iso pensaron Alicia e a súa nai, Charo, antes de abrir, hai mes e medio, “Carmiña Maniquí”, unha tenda de segunda man de roupa e artigos de decoración.  Charo xa tiña experiencia pola súa tenda de decoración e Alicia atopabase, tras estudar fotografía de cine, sen estabilidade laboral. Como a tantos outros, a situación empurroulles a probar con algo diferente: “Pensamos que unha tenda de segunda man, nesta época, podía funcionar moi ben. A xente aínda ten reparo a levar roupa doutros, pero cada vez se pensa máis en reciclar roupa usada para crear novos looks“.

Ese concepto de reciclaxe de moda levoulles, de feito, a idear un dos puntos fortes da súa oferta. Trátase dunha colección propia de Carmiña Maniquí, na que transforman roupa vella en prendas moi orixinais, por exemplo, engadindo retallos de teas a unha camiseta negra ou decorando unha chaqueta cunha borla de cortina.  Para iso contan con Patri, unha costureira de roupa tradicional “que foi o mellor fichaxe posible” e que se encarga de customizar as prendas. O resultado é unha colección de roupa orixinal, única, e non me estraña nada que sexa do que mellor está a funcionar na tenda. “Creamos unha colección ampla, e a deixamos nunha das barras, pensando un pouco que aí quedaría. Pero agora xa estamos pensando en facer cousas novas, porque apenas quedan xa prendas desa colección”.

Ademais desta colección propia, en Carmiña Maniquí contan con roupa de muller, home e nenos de todos os estilos.  A idea é que calquera poda atopar algo que lle guste, non só a xente que habitualmente recorre a prendas vintage. Así, a roupa a conseguen a través en moitos casos de doacións (a cambio de descontos), pero tamén comprando en outlets. O mesmo ocorre cos mobles, que teñen estilos diversos, aínda que a maioría contan con esa pátina feminina e demodé tan (paradoxicamente) de moda agora: papeleiras, caixas ou bandexas con delicados estampados de rosas, albumes tapizados e con bordados, preciosos colgadoiros de inspiración rústico-americana, cuncas con bolboretas…

A tenda leva pouco tempo aberta, pero Alicia e Charo están moi contentas coa acollida que está a ter: “Hai moita xente á que aínda lle da reparo levar roupa de segunda man, pero a roupa de muller véndese moi ben, e tamén os pequenos artigos de decoración”. No seu facebook podedes botar un ollo de moitos dos produtos da tenda, e as fotos son unha verdadeira delicia. Se queredes ir fisicamente, atoparedes Carmiña Maniquí no número 35 da rúa Uruguai.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *