Top 10 do 2012: Turismo e viaxes

Disquerreto 12, Canal do Garonne e Canal du Midi

Ai, o turismo, que mala fama ten. Nestes tempos nos que ser turista é malo (hai que ser viaxeiro!), nós saímos en defensa do turisteo, de visitar os imprescindibles das cidades, de deixar cartos en museos e probar pratos típicos. Pero despois de tachar todos os must da lista, gústanos coller a rúa paralela, buscar as zonas onde modernos e intelectuais son felices (así somos), ir tras os pasos dalgún ídolo, estilo arquitectónico ou escenario de película. Este é o noso top 10 de turismo de 2012.

10.Viena. Viena é ese lugar no que nun mesmo día podes escalar unha antiga torre de vixilancia nazi, ir á ópera e ao palacio de Sissi, visitar un mercado turco e encher a panza de schnitzel e doces. Pola noite podes bailar ritmos balcánicos, tango finés (isto pasounos a tres membros de Disquecool), ou os grandes hits indies do ano. E todo montado na túa fixie e rodeado de edificios art-nouveau.

9. Múnic. Berlín gústanos moito, pero cremos que xa está demasiado visto. Múnic, pola contra, é como un pequeno segredo alemán de alto standing. Múnic é máis burguesa e máis hipster e ten un barrio no que calquera con cartos no peto e ganas de gastalos será inmensamente feliz: Glockenbachviertel. Concept stores, boutiques, xente nova e moderna, e unha vitalidade que un moitas veces xa non está afeito a presenciar cando sae de turismo.

8. Couchsurfing. Cada vez é máis popular, cada vez nos gusta máis (aí, ao límite, desfrutando algo que é case mainstream!). En tempos de crise parece que cada vez nos lanzamos máis á aventura de durmir na casa dalgún descoñecido. E tras o pequeno nerviosismo inicial, descobres que é unha das mellores ideas que tiveches nunca (e vives un pouco máis tranquilo, con xente do lugar, achegándote máis ao teu ideal de viaxeiro). Un día de súpeto empezas a acoller a xente na túa propia casa e é o mesmo: como levar un anaquiño dalgún recuncho do mundo á túa vida de rutinas.

7. Apps, apps, apps! O do roaming aínda nos dá moito medo, pero quen non viaxa cun ollo sempre buscando cafés nos que hai wifi gratuíto? Os máis valentes ata compran unha SIM do destino en cuestión para poder ter acceso a todo en calquera momento. E á marxe de que moitos o que queren ao marchar de vacacións é desconectar, cada vez hai máis apps que facilitan o turismo: algunhas máis xerais (desde Foursquare ata minube, pasando polas fantásticas guías Unlike), outras impulsadas polos propios concellos.

6. Amsterdam. Hai que deixar de relacionar Amsterdam só con drogas e con prostitutas. A parte cool é evidente: ademais das omnipresentes bicis, a capital holandesa é tamén a capital da vida ecolóxica e sostible, a capital da xente que vive en barcos, a capital das tendiñas de deseño e roupa vintage e produtos hiperespecializados. Pasear as Nove Rúas e espiar as oficinas nos baixos con grandes ventás fará que todo hipster empece a buscar traballo en Amsterdam.

5. Visitas temáticas. Repites destino? Queres visitar varias cidades pero non sabes como unilas? As viaxes temáticas son cada vez máis populares (e nós somos moi fans). Tan fácil como escoller un tema, buscalo no mapa e perseguilo! Funciona tanto con varios destinos (podes buscar as capitais do art-nouveau, seguir os pasos dalgún escritor ou artista, lanzarte ao apaixonante mundo do turismo de cemiterios…) como en tan só un: buscar os restos do Titanic en Southampton -2012 era o ano para facelo!-, facer o percorrido de ‘O terceiro home’en Viena, … as posibilidades son infinitas!

4. Reino Unido. 2012 foi sen dúbida o ano de Londres (aínda que houbo un mes no que todo o que vivía aí quería fuxir), pero nós queremos reivindicar ao país enteiro. A mala fama que teñen os británicos e o simpáticos que son sempre! E non todo é Londres: está Liverpool (onde son ademais creadores das modas máis extravagantes), Newcastle, Bristol… e se cruzas a Escocia todo se esaxera aínda máis. A xente é entrañablemente rara e nós somos moi fans.

3. Hoteis/hostais especiais. O do couchsurfing non é o teu? Podes probar outra opción distinta á do clásico hotel ou hostal: a dos aloxamentos singulares! Hai hoteis temáticos e artísticos, hostais ecolóxicos, aloxamentos en faros ou en antigos cárceres… tan só hai que facer unha procura algo máis inspirada en Google para atopar o lugar perfecto no que durmir.

2. Porto. Non nos cansamos de ir a Porto e nunca volvemos sen ter descuberto algo novo. E non nos referimos só á xa coñecida beleza da cidade. Deixando iso a parte, Porto é simplemente unha especie de paraíso cool. Sempre poñemos o mesmo exemplo, pero é bastante claro: o blog O Porto Cool, adicado a destacar bares, tendas, eventos, etc. cool de Porto. E sempre teñen cousas novas. Nunca, nunca se acaba!

1. Cicloturismo. Facer turismo en bicicleta é algo que fan desde sempre os europeos (esa xente rara de Alemaña ou de Finlandia), pero que aquí non foi nunca demasiado popular. As cousas están cambiando, porque as vantaxes desta forma distinta de turismo son bastante evidentes: fas exercicio, admiras paisaxes, visitas vilas e lugares pequenos que doutro xeito non tocarías, aforras cartos, non contaminas… Aquí en Disquecool somos moi fans desta forma de turismo e xa levamos dous veráns a facer os nosos disquerretos!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *