Razóns para visitar Liverpool hai moitas. Da principal falamos xa hai meses, e probablemente vos acordaredes: Liverpool é esa curiosa cidade onde levar os rolos postos pola rúa é tendencia.
Pero non é único co que quedamos da cidade. A saber:
Ambiente nocturno
Saír de noite por Liverpool (aínda que isto é extensible a moitas cidades inglesas) é toda unha experiencia. A música a todo volume polas rúas, cos altofalantes xirados cara fóra dos pubs, os ingleses hiperbébedos pero hiperamables, comentando que eles necesitan beber para ser simpáticos, que é unha cousa cultural que non lles gusta pero lles tocou en sorte, os modeliños nada-cool dos oriúndos, a medio camiño entre traxes de voda e de club de alterne… fan que non necesites facer absolutamente nada (beber, bailar, ligar) para pasalo ben.
Que tal e como o dixen soa quizáis a crítica, pero o certo é que temos moito que aprender. Nós, que cremos que aquí somos súper sociables e acolledores, podemos ver como alí te dan conversación ata as mozas (e non porque queiran nada contigo) e todos os homes alaban a iniciativa que mostran as británicas (menos os italianos, que pensan que son unhas frescas) á hora de coquetear.
Igrexas
Como non todo pode ser vicio e depravación, a vida espiritual liverpooliense tamén nos ofrece curiosas estampas. A catedral católica parece un prato voante. É redonda, co atrio no medio, as luces son azul fosforito, e hai arte cubista-abstracta nas paredes. A anglicana é enormísima, semella de cartón-pedra -e de feito, se tocas, decátaste de que por zonas así é- e ten uns fantásticos carteis nos que se te invita a almorzar (ou cear) coa biblia -na cafetería do lugar en cuestión. Ambas catedrais fan pensar nesa pasaxe na Biblia, que tanto me gustaba, na que Xesús sacaba unhas cordas e volcaba unhas mesas, para recordar aos mercaderes que o templo non é lugar para
comerciar: tendas de souvenirs -varias-, postos soltos inundando o espazo, maquiniñas para as velas, restaurantes e cafeterías…
Así que ao final a mellor igrexa é unha que está derruída e que serve para facer proxeccións de pelis, clases de ioga e exhibicións artísticas varias. Bombardeada na II Guerra Mundial, perdeu o tellado e todo o interior, quedando só un esqueleto de igrexa que lle dá ao interior un aire bastante fantasmagórico. Cando fomos, había unha exposición sobre unha relixión inventada, moi pertinente.
Lambananas
Os símbolos de Liverpool están copados por animais, pero o mellor é tamén o máis recente, o lambanana: metade carneiro, metade froita tropical. Podes observar montóns de exemplares pintados de diferentes cores polas rúas de Liverpool, a imitación da cow parede ( a lambanana parade). E diredes vós: un animal mitolóxico que é símbolo dunha cidade, pois vaia cousa. Pero iso é porque non viches a tenrura surrealista que emiten estes animaliños.
Toda a historia comezou coa superlambana primixenia, unha escultura xigantesca, odiada e amada a partes iguais, creada en 1998 por Taro Chiezo. Segundo lin, esta escultura orixinal que permanece fronte ao mar, observando o peirao, advírtenos sobre os perigos da enxeñería xenética. Pero a min case que me dan ganas de seguir experimentando, nada que ver con Frankestein.
Atraccións turísticas varias
The Cavern, onde os Beatles, hoxe tomado por turistas cincuentóns que bailan perreando, unha zona de porto industrial reconvertida en turística grazas a noria, un bateaubus turístico que va rodando polas estradas e de repente baixa a rampla cara ao mar e flota, tendas básicas inglesas coma Primark ou Topshop, doces típicos de chocolate con nubes de larpeirada, o segundo arco chino máis grande de Inglaterra, dous ou tres museos -sobre os Beatles, claro, de arte contemporánea, de historia natural-… o que realmente convence de Liverpool é o seu ambiente apracible de vila de provincias, a amabilidade dos seus cidadáns, a vida tranquila tal e como se lle aparece a quen a visita (descoñezo si se corresponde coa verdadeira alma de Liverpool, ou se simplemente é a imaxe que transmite).
Ademais ir desde Galicia é fácil e barato gracias a esa diabólica compañía aérea (esa que xuramos e perxuramos non volver a utilizar) que nos propón tres voos semanais desde Oporto.
1 comentario