Sabes as dúas formas do participio do verbo erguer? E a árbore que dá as cereixas? Tal vez se che dea mellor a xeografía: en que concello se atopa o Monte Aloia? Se cres que poderías responder de forma axeitada, quizás esteas xa preparado para xogar ao Arume Xogal.
E que é o Arume Xogal? Un xogo de mesa, coñecido tamén coma “O trivial galego”, xa que avalía, a través de pregunta-resposta, os nosos coñecementos xerais, eses que se supón que non serven para nada pero dos que Disquecool declárase moi fan (tamén dos xogos de mesa, queda dito).
É un produto de Edicións Eukrea que ten por obxectivo suplir a carencia dun recurso específico galego no que a xogos educativos se refire. E aínda que é recomendado para maiores de 15 anos (as preguntas non son nada fáciles), debo confesar que as cuestións ás que hai que responder recordan un pouco a unha clase de lingua e literatura galega no instituto. E é que hai dous tipos de preguntas, de temática xeral (historia, literatura, lendas, xeografía e natureza, arte e cultura, localidades), e específicas (léxico e ortografía), e parece que nada se sae de certo “universo galego curricular”.
O que ten bastante lóxica se temos en conta que Arume Xogal está destinado a “calquera persoa con inquedanza por ampliar o seu coñecemento de Galicia dunha maneira sinxela e divertida”. Supoño que finalmente, os escritores galegos son os que son (os que estudamos) e os principais acontecementos históricos son os que nos ensinaron na escola. A competitividade (lúdica) sempre lle dá un plus a iso de aprender cousas que, ou ben nunca soubemos, ou ben están esquecidas.
En canto ao mecanismo do xogo, consiste en completar o percorrido definido por un petroglifo, avanzando a medida que se responden preguntas do tema que toque. Todo o xogo utiliza unha simboloxía celta, e así, por exemplo, o dolmen representa as cuestións de arte, o torque as de historia e o arume as de lingua e literatura. Persoalmente, introduciría un pequeno cambio, porque non hai nada máis aburrido que que alguén responda correctamente unha pregunta e siga xogando eternamente mentres ti esperas a túa quenda para, ai maldición, fallar xa á primeira. Así que eu prefiro xogar a contar tarxetas acertadas que ao que chegue primeiro á meta, pero en fin, cada un xoga coas normas da casa!
Podes mercar o xogo, que custa uns 40 euros e que poder ser un moi bo regalo para Nadal, nas principais librerías de Galicia, ou online, na web de Aira das Letras.
Ooola! Quería facer unha pequena precisión: u-las instrucións? Porque eu farteime de buscalas por dentro e por fóra e nada. Suponse que dependemos do formato do trivial tradicional?