We are Knitters: O regreso á la e as agullas

Pepita na Knitting Party de Loving Ideas

Ti que odiabas os xerseis que che facía túa avoa, ti que case non sabes nin coser un botón, ti que pasas horas e horas diante dunha pantalla, ti es candidato a sumarte á filosofía de We are Knitters, porque o punto é cool e facer cousas coas túas mans unha tendencia que suma cada día máis adeptos.

Os madrileños Pepita e Alberto son os responsables de que esta moda, procedente de grandes cidades coma Nova York ou París chegue a España. A través de We are Knitters pretenden, tal e como explican na súa web, “recuperar unha tradición antiga, entretida e, sobre todo, relaxante, que desde hai uns anos se ten convertido nunha moda entre os máis trendy, bohemios e cosmopolitas”. “Queremos pór de moda en España tecer, queremos introducilo entre a mocidade que nunca o fixo”, explica Pepita.

Esta emprendedora viviu varios anos en Nova York, onde cada día atopaba rapazas no metro ou nos cafés que facían punto. Observou que o facían con las máis grosas das que habitualmente se utilizan en España, e que tamén vendían unha especie de kits con todo o necesario. Así que, tras un período de investigación, decidiu importar a idea.

Aínda que tamén venden novelos de la e prendas rematadas, o produto estrela de We are knitters son os kits, nos que prometen ledicia baixo o lema ‘All de hapiness in a kit‘. Cada unidade, que vén presentada nunha bonita e ecolóxica bolsa de cartón, contén:

1. A la necesaria para o modelo escollido. Pepita afirma que en España “non había estas las con este grosor, calidade e cores”, así que as traen de Uruguai, e segundo destaca, “é 100% la”. Ao ser tan grosa facilita ademais o labor aos máis principiantes.

2. Agullas de madeira, máis grosas e longas que as habituais, polo que tamén contribúen a ir máis rápido.

3. Instrucións redactadas especialmente para novatos

4. Unha agulla para la

Se ademais necesitas máis axuda, podes consultar os titoriais que teñen a disposición dos usuarios na súa web.

Pepita e Alberto levan máis dun ano preparando este proxecto, que lanzaron ao público en setembro. Nestes momentos ofrecen 9 modelos (distintos tipos de bufandas, colos, chalecos, xerseis e gorros), en 8 cores, pero queren ir ampliando a carteira de produtos, e para o verán teñen a intención de incorporar o algodón. Tamén teñen planeado sumar un nivel intermedio aos dous que xa ofrecen agora, principiante e fácil.

Os kits están á venda na súa web por uns prezos que van desde os 47 aos 92 euros, dependendo do modelo. Estes días están ademais a facer pequenos eventos en tendas e cafés para dar a coñecer o que fan. En Galicia, puidemos atopalos en A Coruña (Arts&Crafts), Vigo (Cherries Boutique) e Pontevedra (Loving Ideas). Galicia (e en especial Santiago), xunto con Barcelona, son os lugares dos que reciben máis pedidos, segundo explican os responsables desta iniciativa.

Pepita móstrase moi satisfeita polos resultados acadados ata o momento. “Á xente encantoulle, moita xente se animou”. E sobre os motivos, teno claro: “É coma un hobby, agora a xente está orgullosa de facer as súas propias cousas, é como unha volta atrás, hoxe non facemos nada por nós mesmos e resulta relaxante”.

Fotos | Disquecool

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *