Kling, Diksi, Malahierba… son só algunhas das marcas que podemos atopar en Cherries Boutique, unha “concept store” que abriu vai tres semanas en Vigo (rúa Venezuela 15).
Entrar na tenda é xa de por si unha gozada grazas a súa atmosfera feminina e delicada, que pega a perfección coas marcas antes enunciadas. Carlos Garrido, un dos socios (xunto con Guillermo Soto, Borja Núñez e Javier Montera), explica que se inspiraron na América dos anos 50, tan en voga hoxe gracias a serie Mad Men. Os armarios brancos onde podemos buscar a roupa, o tocador sobre o que lucen pendentes e colares, o probador rústico… e o mimo co que coidan cada detalle (ata teñen unhas larpeiradas de cereixas que ofrecer ao público) non se traduce, sen embargo, nuns prezos hiperbólicos.
“Nós o que queríamos era unha boutique, ou como o chaman por aí unha “concept store”, que é que non soamente vendes roupa, senón tamén libros, xoguetes, complementos… e a un prezo Inditex. Queríamos ofrecerlle algo ás rapazas de Vigo, asequible, pero sen ir todas uniformadas, como van a maioría pola rúa, non saír de noite e ver o mesmo vestido de Zara repetido”. Esa era a idea, que xurdiu tras ver unha tenda destas características nun viaxe a Burgos. Pero o camiño foi longo, máis dun ano para darlle forma ao proxecto: “Foi difícil, pero cremos que vale a pena”.
Que podemos, pois, atopar na tenda? Roupa entre pin-up e romántica, tipo Kling, que é a marca máis característica tanto por prezo coma por deseño, e que serviu de base para seleccionar outras coma Diksi ou Malahierba. En outono, entrarán probablemente novas marcas, como poden ser a arxentina Vestite y Andate ou a danesa Nünph. Ademais, accesorios de Chicadecanela, gafas de sol de KOMONO, auriculares cool de Urbanears, colonias de Les Ettes e varios libros de Taschen sobre deseño, moda ou fotografía.
Se estás triste porque non vives en Vigo, que saibas que a fins de mes, tamén se poderá mercar en Cherry Boutique online, a través da súa web.
A pesares de que comenzar en xullo non é o máis fácil para unha tenda, entre o boca a boca e a súa presenza (moi activa) nas redes sociais, Cherries Boutique vaise dando pouco a pouco a coñecer. E quen coñece, apreza. Non teño máis que pensar na moza que estaba a falar por teléfono dende o probador cando eu entrei. “É unha tenda fantástica”, afirmaba exaltada. Eu estou plenamente de acordo.
Fotos | Disquecool
2 comentarios