Levan pouco máis de tres meses de portas abertas, pero Vintage&Coffee xa é unha das propostas máis interesantes do panorama de tendas da Coruña. Roupa dos anos 50,60, 70 e 80 e algunhas marcas contemporáneas de zapatos, como Melissa, e complementos son os artigos que se poden atopar en Vintage&Coffee. No fondo do local hai unha das cousas máis sorprendentes do establecemento, un salón de té aberto a todo o mundo (non hai porque mercar nada na tenda para gozar dunha merenda nos sofás retro do local).
A pesar de que o vintage e o retro son dous conceptos que están moi de moda, poucos son os espazos que enchen esa necesidade en Galicia. En Coruña, esta é a primeira tenda de roupa vintage.
“Non existía ningunha”, explícanos Margot, unha das dúas caras de Vintage&Coffee, “e era unha cousa necesaria”. Mercar roupa de época permite “levar algo único”, escapar a sensación de ir uniformada por Inditex, aínda que, neste caso, sen gastar moito máis do que podería custar un outfit asinado polo emporio de Amancio Ortega.
“Non é unha gran inversión”, apúntanos Margot cando lle preguntamos pola parte monetaria de vestir vintage, “está á altura de Zara”. Os vestidos custan uns 20 a 30 euros, por exemplo, e os bolsos entre 30 e 40. Só os de materiais especiais como “pel de pitón” saen por un pouco máis.
Os fans do vintage levan exclusividade, pero tamén deseño e moita calidade. O de que as teas de antes non eran coma as de agora semella algo máis que unha frase feita. De feito, entre a clientela habitual de Vintage&Coffee non só se atopan mozos estilosos senón tamén señoras que buscan a calidade e os cortes dos seus tempos de xuventude.
Vintage&Coffee tamén ten fondo de armario para home. ¿Son eles máis reticentes a poñer as camisas que podería ter levado o seu pai ou incluso o seu avó? “Non”, déixanos claro Margot, “están desexando que traiamos máis e que ampliemos a sección de home”.
Montar unha tenda vintage
De onde sae a inspiración para montar unha tenda vintage? Margot confésanos que antes que vendedoras de roupa de época tanto ela coma María, a outra cara de Vintage&Coffee, eran consumidoras destes produtos. Por tanto, non se lanzaron a vender roupa vintage sen saber de que estaban a falar.
E Margot explícanos outra cousa máis: o vintage non é só un vestido. “O mundo vintage non só é roupa, tamén é cine, pintura ou fotografía”.
Como mercar vintage?
Para todos aqueles que queiran comprar roupa vintage e sacarse de enriba anos de nais galegas sacudindo a cabeza ante calquera intento de mercar roupa de segunda man, aquí van uns cantos consellos que nos deron en Vintage&Coffee para que vaimos ben ensinados:
– Hai que ter moito coidado con botóns e cremalleiras: fixádevos ben no seu estado
– Pon todos os sentidos alerta para non levar roupa con algún roto. Ás veces é difícil descubrilos.
– Unha zona que sempre hai que mirar antes de mercar é a das axilas: aí a roupa soe poñerse ‘fea’.
– Mellor compralo en tenda que en internet, porque é altamente recomendable probala.
Fotos | Disquecool