Calcetíns do Xabarín Club, merchandising nostálxico para levar nos pés

Se nos sentamos a facer un ranking de marcas nostálxicas en Galicia, está claro que o Xabarín Club ocuparía unha destacada posición. Pouco importa onde se sitúe unha na escala da idade dos millennials e se é millennial de máis ou menor idade. O que une poderosamente a esa xeración en Galicia é a fascinación e o amor polo programa da TVG.

E onde hai nostalxia millennial, acaba existindo merchandising nostálxico. O Xabarín Club tamén ten xa o seu: acaban de aparecer, moi xa axustados para o Nadal e os agasallos, uns calcetíns temáticos. Non sabemos se é o primeiro produto nostálxico do Xabarín Club, pero si é o primeiro do que temos noticias en Disquecool.

Detrás da colección está a marca galega SomosOcéano, que acaba de presentar os calcetíns (“un produto oficial que fascinará a tódalas xeracións ligadas ao Xabarín Club”, explican na nota de prensa de presentación) xunto con outros ligados ao traballo do ilustrador Luis Davila. En resumo, SomosOcéano acaba de converter en calcetíns dous referentes millennial da cultura popular galega (aínda que Davila é bastante máis trasxeracional).

A colección cápsula do Xabarín Club inclúe tres modelos de calcetíns, que usan o logotipo antigo do programa e a vinculación que tiña coa música como elemento de deseño.  Segundo SomosOcéano, o interese do público por estes calcetíns é tan elevado que nas tres semanas que levan no mercado xa venderon o 60% da produción e están pensando en reedicións e en ampliar os modelos.

Fotos | SomosOcéano

Shares