As máscaras, o elemento clave do look da nova normalidade

Na fase do confinamento polo coronavirus no que as máscaras pasaron a ser recomendables, eu atopeime, como tanta outra xente, na situación de non ter como mercar unhas. Na farmacia da miña zona de influencia non había máscaras para ninguén (tiñan, de feito, o escaparate cheo de carteis que deixaban claro que non lles quedaban) e eu non me vía capaz de facer unha máscara propia, por moito que me prometeran que non había nada máis sinxelo.

Así que acabei en internet. Vin máscaras a prezo de ouro en tendas como Amazon, cheguei por un anuncio a unha tenda online na que me foi imposible rematar o proceso de compra e acabei cun deses artigos que facían listas de tendas con máscaras de tela para atopar un punto de venta máis ou menos de confianza. Merquei as miñas primeiras máscaras nunha tenda online de roupa para nenos, á que cheguei vía un artigo de (se cadra) a revista Elle. Cando xa as tiña mercado descubrín, con sorpresa, que as miñas máscaras ían viaxar dende Teo. Chegaron sobre unha semana máis tarde e foron as miñas primeiras máscaras (pero as máis bonitas!). Agora, por suposto, xa lle teño gardado un oco no caixón da roupa interior á que xa é unha colección.

Cando comezou a crise, a cuestión das máscaras era complicada. Ademais de non estar recomendadas para o uso xeral da poboación, a súa escaseza facía que se facer con unha implicase deixar sen ela a quen realmente a precisaba. Co paso das semanas a produción aumentou, o seu uso pasou a estar plenamente recomendado e a máscara hixiénica pasou a ser un elemento máis do noso look confinado e dos outfits da nova normalidade. E non sorprendentemente a máscara pasou a ser tamén un elemento máis de moda.

Unha das máscaras de Mango

Unha das máscaras de Mango

Nun primeiro momento, as marcas que fabricaban máscaras eran as chamadas empresas solidarias. Non as fabricaban para vender ou facer negocio, senón para destinalas a traballadores esenciais que as precisaban. De feito, Asos intentou sacar unha colección de máscaras fashion nos primeiros tempos e logrou ser a protagonista de comentarios moi negativos.

Pero a medida que avanzaba a crise do coronavirus as cousas foron cambiando. As máscaras pasaron a ser mesmo merchandising de marca. Disney ou a NBA lanzaron máscaras cos seus logos e os seus personaxes de marca, claro que con fins solidarios. Podías mercar unha máscara do Baby Yoda, pero era con fins benéficos. Aquelo foi por maio, porque por xuño as máscaras eran xa un negocio máis. Seguían quen o lanzaba con certo coidado (Lidl presentou unha colección de máscaras de Ágatha Ruiz de la Prada, pero vinculada a unha ONG) ou con prezos reducidos (Mango tamén presentou a súa colección de máscaras como algo que facían para dar un servizo), pero pouco a pouco a máscara se posicionou como un elemento máis de moda (e, por certo, tamén como o clásico regalo que fan as empresas: as gorras de pensos Biona deixan paso ás máscaras).

En algúns mercados, como o de India, os ricos xa están gastando miles de dólares en comprar máscaras de deseño e con xoias. A prensa especializada no negocio da moda xa está botando contas de cantos cartos suporá a industria das máscaras.

E, por tanto, agora a cuestión xa non é tanto como ou onde mercar máscara, porque xa están por todas partes. Ata os supermercados venden algúns modelos para simplificar o acceso. Se buscas máscaras, case que só tes que saír a rúa, dar un par de pasos cos ollos atentos e acabarás atopando algún pequeno comercio que as ten no seu escaparate.

 

Unha breve lista de máscaras

En Etsy venden máscaras de todo tipo e condición, dende máscaras literarias a de superheroes. Só tes que buscar o que che interesa, aínda que é pouco probable que as recibas rapidamente (os seus vendedores non sempre están xeograficamente preto). E, aínda que insistimos que moitos pequenos comercios teñen máscaras xa, compartimos un par de ideas en comercio online:

Quickas. É onde merquei eu as miñas primeiras máscaras. Teñen estampados variados e diferentes tallas (algo moi importante, confeso como persoa que mercou unha máscara top na farmacia para descubrir logo que ten unha cara máis pequena que o adulto medio*). Son de Cacheiras.

Unha das máscaras de Gardabicos

Unha das máscaras de Gardabicos

Gardabicos. Son máscaras cosidas en cooperativas en Lalín e por tanto a un prezo xusto de produción. E tamén son unha iniciativa cultural: eu descubrinnos nun post en Instagram da ilustradora Nuria Díaz. Ademais de vender máscaras en branco para que as poidas pintar ti (está pensando para nenos pero…), tamén teñen modelos vinculados coa cultura galega.

Como pez en el agua. É unha tenda de San Pedro, en Santiago, que tamén fai máscaras de tela con estampados variados. Vende online e ten dúas tallas para nenos e dúas para adultos.

 

*Aproveito este momento para recomendar Invisible Women, de Caroline Criado-Pérez, publicado tamén en castelán e que algunha editorial debería mercar xa para traducir ao galego, sobre o que é ese adulto medio e como se esquece para determinalo ás mulleres

Ilustración vía

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *