Moda para o mundo do coronavirus: roupa cómoda, nap dress e cousas para andar por casa

A colección comfy de Mango

A colección comfy de Mango

Durante a crise do coronavirus capítulo 1, os meses do confinamento, descubrimos que existían dúas Españas. A separación estaba na moda confinada. Estaba a España que seguía vestido con “roupa de rúa”. E estaba a que optou por sacrificar a moda no altar da comodidade. Era a España 24 horas en pixama e a España chandalista. E, tendo en conta os movementos que a industria da moda está facendo, a España chandalista foi a máis popular, moi conectada ademais cunha tendencia global.

2020 está sendo o ano no que botamos de contas que para estar na casa mellor estar dun xeito confortable.

Como contaba unha das redactoras de Disquecool nunha conversación de Whatsapp hai un par de semanas, este ano non mercara nin unha única prenda de roupa. Outra das integrantes da conversación confesaba que xa fora por un bo pixama, polo que puidese pasar (moi boa visión de futuro).

Ese movemento, o de non mercar roupa de estrea pero si roupa confortable ou de durmir, está marcando as contas das empresas de moda, impulsando un mercado e lastrando outro. Por exemplo, unha estatística de Adobe Analytics de maio xa apuntaba que as ventas de pixamas nos Estados Unidos creceran nun 143%, mentres que as de pantalóns caeran nun 13% e as de suxeitadores nun 12. E, como aconteceu en outros moitos mercados, as compañías desta industria están tamén cambiando que venden, como venden e que logran que cando compramos vexamos como desexable. Nas últimas semanas da moda a roupa estaba pensada para triunfar sendo vista de cintura para arriba e nos últimos meses as grandes cadeas de roupa empezaron a lanzar liñas de produto comfy.

2020 está sendo o ano no que botamos de contas que para estar na casa mellor estar dun xeito confortable.

Así, tanto nas semanas da moda de Londres como de Milán do pasado verán, as grandes marcas de moda de luxo presentaron coleccións nas que as pezas locen nunha videochamada. Non é que os grandes da moda confesaran que fixeran coleccións pensando en como se verían en Zoom, pero as indicacións estaban aí, como lembraban entón na BBC. Prada falaba de como “a moda é reaccionar á realidade” e da importancia da tecnoloxía (e subiu os logos aos colos dos xerseis, que é o que verán do outro lado da pantalla…) e outras marcas encheron as súas coleccións con pantalóns de cinturas elásticas.

Non só as coleccións das grandes marcas de luxo estaban enchéndose de pantalóns, camisetas e demais elementos de andar por casa. Tamén as das firmas de fast-fashion. “En Lefties puxeron unha sección de roupa de andar por casa que antes non existía”, dicíame unha compradora hai uns días, despois de pasar por un centro comercial. A finais de setembro, Mango mandou unha nota de prensa presentando “a nova entrega da colección Comfy de Mango para muller e home”. Na presentación recoñecían a influencia “do contexto da chamada Nova Normalidade” e que cada vez pasamos máis tempo na casa. A colección Comfy son así “prendas versátiles” que podes levar dentro e fóra da casa. Basicamente, todo é cómodo, frouxo e con texturas amorosas.

Mesmo cando non hai coleccións específicas, hai produtos que conectan con ese espírito. Desigual, por exemplo, ten unhas chaquetas chamadas Puppet Streetweare, “unha colección de peluches streetwear” (o material ao que eu, persoalmente, chamo “teleñeco morto”) que presentan “estilo chaqueta cuddly super touchable”. Na nota de prensa, din que este ano “imos precisar moitos mimos” durante o inverno. E velaí unhas chaquetas amorosas.

O nap dress

A moda non é allea ao contexto no que se move e é moitas veces un mapa para comprender os cambios sociais. Asumir que ía permanecer allea ao impacto da crise do coronavirus e que non ían cambiar as tendencias non ten, por tanto, moita lóxica. Ademais de impulsar un boom da roupa cómoda (que, por certo, xa estaba nunha posición emerxente: levamos anos escoitando falar do crecemento do chamado athleisure), tamén están cambiando as siluetas. O próximo vestido que veremos por todas partes é o nap dress, o vestido para a sesta poderíamos traducir. É un vestido do estilo que triunfaba a principios do século XIX, eses vestidos que recoñecemos rapidamente grazas ás adaptacións ao cine das novelas de Jane Austen. Non ten moita forma e resulta moi cómodo.

A edición que está triunfando agora arrancou en 2019, cando unha empresa de moda desas que venden por internet e directas  ao consumidor, lanzou un vestido longo, ao estilo dunha sorte de camisón victoriano. A compañía, Hill House Home, tivo a idea do millón de dólares sen sabelo: durante os meses de corentena, o vestido fíxose viral grazas a un mestura, como apuntan no The Wall Street Journal, bo marketing, ser o produto perfecto para o momento e un entusiasmo entre as consumidoras que o fixeron popular (e carne de redes sociais). A compañía prevé que cando peche o ano o 50% da súa facturación sexa grazas a estes vestidos.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Hill House Home (@hillhouse) on

Os vestidos son xa populares en Instragram, xa apareceron múltiples copias e competidores na rede e, aínda que este bombazo ocorreu en Estados Unidos, os medios doutros países están empezando xa a producir artigos sobre que é e onde podes mercalo. O vestido para a sesta non tardará, por tanto, en chamar á túa porta.

Fotos | Mango, Desigual

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *