66.AvenidaBrasil, tenda conceptual ao outro lado do Miño

66.AvenidaBrasil

Son un deses espazos que acaban sendo cita obrigada para todo fashionista que se prece, aínda que en Galicia non abundan (se cadra non existen: na redacción de Disquecool non conseguimos lembrar o nome de ningunha). Falamos dos espazos que mesturan restaurante e tenda variada. Roupa, libros, cousas preciosas, pequenas e delicadas mesturándose con solomillo con foie, un mimosa ou un coulant de chocolate. Foz de Douro, un destino non moi lonxe aínda que teñamos que cambiar de país para atopalo, ten unha. Nunha excursión a Porto, a concept store 66.AvenidaBrasil pode ser unha interesante opción.

66.AvenidaBrasilA tenda-concepto está situada xusto no paseo marítimo, nun edificio centenario. Na entrada hai unha pequena tenda, aínda que o piso baixo está ocupado practicamente na súa totalidade polo restaurante – café lounge. A carta de comidas ten uns cantos pratos estilosos, pero sobre todo ten un aspecto que o converte nunha elección estupenda. Pódese escoller con que pan comer: a camareira ven cunha cestiña repleta de pans de varios tipos e o cliente pode elixir o tipo de anacos que prefire. No fondo, unha enorme mesa comunal ocupa a zona de fumadores. As mesas comunais, unha tendencia hiper-neoiorquina que comeza a pegar con forza en Europa, permiten que calquera se sente nelas ata que se encha: é unha ocasión única para sentarse con descoñecidos. Son, no fondo, a versión chic da mesa das verbenas galegas.

No piso de arriba, unha tenda multiespazo permite facerse con artesanía portuguesa (pero non o clásico galo de Barcelos e os azulexos omnipresentes e típicos das tendas de souvenirs: falamos de algo distinto), perfumes e cosméticos de L’Artisan Parfumeur e de Penhaligon’s, roupa ou libros ‘bonitos’, como algúns para nenos moi xeitosos ou os agora tan de moda coffee table books.

66.AvenidaBrasil está, dende hai xa catro anos, na rúa e no número que lle da nome. Nos veráns, incorpora na parte traseira unha terraza.

Fotos | Disquecool 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *