Aprende a facer queixo e manteiga en Arzúa

Non mentía o outro día cando vos dicía que esta finde temos máis plans que días. Este sábado e domingo ten lugar tamén a Feira Ecolóxica Terractiva en Arzúa, que fronte a outras feiras e mercadillos, non pretende facernos consumir, senón sobre todo pensar.

Ese é o seu obxectivo, ou como din desde a organización “queremos facer ver que outro mundo é posible, que interactuar coa Terra non debe ser prexudicial para ela”, pero amosándoo de forma didáctica e entretida. O certo é que o ambiente é moi festivo, con moitas tendas “verdes” e actividades creativas, que cada ano se enchen con máis visitantes, incluso de fóra da comarca.

Eu fun hai un par de anos e podo confirmarvos que foi moi divertido. Aprendín a facer colonia, comín cousas que nunca comera antes e había uns xoguetes artesanais moi orixinais que podía probar -durante horas- quen quixese. Lendo a programación deste ano, podo ver que non vai desmerecer aos anteriores, con multitude de obradoiros (para min é do máis divertido, ocio activo que o chaman), coma por exemplo, biodanza, elaboración artesanal de queixo e manteiga, cociña vegana ou montaxe de instrumentos tradicionais.

Recoñezo que eu teño certa alerxia ao discurso ultra-ecolóxista cando se achega a temas de medicina alternativa e crecemento persoal (que diso tamén haberá actividades varias), pero do que non cabe dúbida -e poderemos comprobar en Arzúa- é das vantaxes dun tipo de comercio diferente, máis centrado no local, sobre todo no que toca á alimentación. Así, na Feira haberá por exemplo produtos da horta levados polos mesmos produtores da zona que venden na Feira de Arzúa dúas veces ao mes.

Ademais de obradoiros, degustacións e postos de artesanía, alimentación ecolóxica ou herbas medicinais, tamén haberá actuacións de música, teatro ou maxia, prestando especial atención á programación infantil. Sen esquecer a parte reflexiva, con conferencias, exposicións, videoproxeccións, ou documentais sobre o medio ambiente e como melloralo.

Será este sábado e domingo, de 11:00 a 14:30, e de 17:00 a 21:00 horas, no Recinto Feiral de Arzúa. Para enterarte de todos os detalles bota un ollo ao xornal da Feira, na súa páxina web.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *