Confesa! Levas días mirando windguru e meteogalicia cada dúas horas coa esperanza de que algo tivese cambiado nese tempo. Días soñando co sol, coa praia, coa calor. Días tratando de facerte á idea de que esta será unha semana santa para descansar, “que tampouco está tan mal”.
Pois si, iso é o que hai. Catro días seguidos de asueto e catro días seguidos de choiva. Pero non debemos deixar que o mal tempo nos amargue as vacacións e o que non se consola é por que non quere. Que alguén chega con bronceado tropical e sorriso relaxado? Ti afirma sen dubidar: “pois eu esta Semana Santa aproveitei para facer cousas que levaba moito tempo querendo facer”. Para non mentir, proba co da seguinte lista.
1. Vai ao cine.
Dentro do cine non chove e se está quentiño. E un non se sinte tan triste como se queda na casa tres días seguidos. E se ademais o filme é bo, o plan é xa perfecto. Entre as opcións en carteleira destaca ‘Blue Valentine‘, ‘Un asunto real’, ‘Anna Karenina’ ou o que queda dos Oscars: ‘Argo’ e ‘O lado bo das cousas’.
E se ata ir ao cine supón moito esforzo, aposta por ver algúns filmes clásicos de verán (suspiro) ou comezar algunha das mellores series do século XXI.
2. Le un libro
Es dos que din que adoran ler pero levan dous meses sen acabar un libro? A escusa “é que non atopo o tempo para ler” sempre acode aos teus beizos? Reconcíliate co intelectual que hai en ti. Se es un moderno podes apostar por autores molóns como Houllebecq, Franzen, Easton Ellis ou Pynchon. Se de verdade che gusta ler, repasa algúns dos clásicos cool da historia da literatura ou os libros máis cool da literatura galega.
3. Come
Aínda é mellor se consegues facelo fóra de casa e cun grupo de amigos para prolongar a sobremesa ata a noite. Saír a comer nunca dá preguiza, porque o premio é claro. Seguro que na túa cidade, ou cerca dela, hai diversos restaurantes que tiñas ganas de probar. E se non segue as recomendacións de restaurantes Disquecool.
4. Investiga a túa cidade
Equipado con gabardina e katiuskas podes ata gozar un rato da túa cidade. En varios sitios, como Lugo ou Baiona, se organizan visitas guiadas gratuítas que os oriúndos podemos aproveitar para coñecer un pouco mellor a nosa cidade (e impresionar mellor cando veñen amigos de fóra). Por non falar de que as grandes cidades están cheas de museos nos que é posible que nunca teñamos entrado…
5. Adícate ao DIY
Aproveita estes días libres para explorar a túa creatividade, para mellorar a túa casa (decora con mapas, recicla vellos xoguetes, utiliza ese washi tape que mercaches hai uns anos, empeza a pensar no teu xardín), para facer regalos moi especiais ou simplemente para iniciarte en algo como a calceta ou o scrapbooking.
Foto | Taanver Chandok