Guía dos sitios molóns de Madrid

Hai xa algún tempo, fixemos unha primeira guía de sitios riquiños en Madrid. A cidade é un destino estupendo se o que se quere é facer unha xornada na que atiborrarse de cupcakes, mercar cousas pequenas pero moi bonitas (e que por suposto custan un ollo da cara) ou deixarse levar polo entusiasmo e ir a un sitio con porcelana fina, manteis ou decoración riquiña. Estas son algunhas novas recomendacións, neste caso polo lado do molón.

Naif

Naif. Está en Malasaña, que como todos sabemos xa é o centro do moderneo de Madrid (e posiblemente de todo o estado). Ideal para comer ou para tomar unhas copas, aínda que a carta de cócteles non é inmensa (non é unha coctelería!) si conta con algunhas boas entradas. A carta de comida ten os clásicos entrantes de sitio-que-mola (xa sabedes, algunha cousas mexicana, algunha vexetal) e logo bocadillos, sándwichs e por suposto hamburguesas cool (algún día deberiamos facer unha análise sobre se hai ou non unha burbulla da hamburguesa gourmet). A decoración é dirty chic e as paredes e fiestras están cheas de debuxos riquiños, todo o naif que pide o nome do sitio. Buscade o porquiño! Rúa de San Joaquín, 16.

La Bicicleta. Está xusto no lado oposto da mesma praza a que dá o Naif e é o último sitio de moda de Madrid, así que se facedes o esforzo de ir ata alá e ademais queredes ir a todos eses sitios nos que hai que deixarse ver tedes que incluíla na vosa lista. A decoración é temática, como o seu nome indica, bicicleta. Hai unhas cantas repartidas polo local, que está decorado un pouco na liña industrial – dirty chic que tanto éxito ten agora mesmo. Os mobles son cada un do seu pai e da súa nai (como debe ser segundo as últimas normas do que é molón) e hai dende sofás vellos ata os pupitres verdes que media España tivo na escola. Válido para unha chea de cousas: dende tomar café, ata merendar, picar algo ou tomar unhas copas. A certas horas é imposible atopar onde sentar. Tamén son workplace, así que pódese ir traballar. Praza de San Ildefonso, 9.

GumboGumbo. Tamén na zona de Malasaña está este restaurante ao que tedes que ir si ou si, tanto se vistes ‘Tiana e o sapo’ e vos encantou como se non. Agora que a comida xaponesa xa é tan mainstream, toca buscar unha nova cociña exótica da que facerse entusiastas. A de Nova Orleáns non creo que se faga moi popular en moito tempo. O dono ten lazos coa zona, así que o local e a súa carta son auténticos. Os tomates verdes fritos son os mellores que xamais probei, cunha salsa espectacular. A mediodía e durante a semana hai menú do día, que vai cambiando pero que sempre ten pratos de Nova Orleáns. Rúa Pez, 15.

La Central. A cadea de librarías catalá acaba de abrir un macro local no centro de Madrid, ao carón da praza de Callao e a dous pasos da Fnac e a uns cantos máis de La Casa del Libro. Pero La Central mola mil veces máis. Non só teñen menos best-sellers destacados e máis cousas raras e distintas, senón que ademais a súa libraría física non ten nada que ver. Antes era un pazo e conseguiron manter parte da atmosfera na rehabilitación. A antiga capela é agora parte da libraría infantil (un espazo ao que ir teñades ou non que mercar algo para un neno: hai unha chea de guilty pleasures, como bonecos autómatas que ben poden decorar algunha das vosas mesas ou recortables entusiasmantes), só por poñer un exemplo. A cafetería- bistro está na planta baixa. Ten unha carta de comer limitada (e algunhas cousas son un pouco caras) pero está moi ben para merendar ou tomar café. As paredes están repletas de portas vellas.

El Cosaco. Non sei se algún ruso branco chegou á deprimente España dos anos 20 ou se todos quedaron en París e en Berlín, pero este restaurante ten esa atmosfera hiper mega retro que esperas dun fundado por un aristócrata caído en desgraza trala Revolución Rusa.

El cosaco

Hai moita madeira, pesadas cortinas aterciopeladas, algún samovar, retratos dos diferentes tsares e un cosaco riquiño na carta e nas tarxetas (que, por outra banda, permiten descubrir que o restaurante é dos anos 60). Aínda así, é o ruso máis antigo de Madrid (e o máis auténtico cando o que queres é ver cumpridos todos os tópicos). Praza da Palla, 2.

Café del Jardín. A cafetería do Museo del Romanticismo está no baixo do museo, un antigo palacete que a principios dos século XX un nobre decidiu conservar como era nos anos románticos. O museo é un dos máis riquiños de Madrid e a cafetería paga a pena, sobre todo no verán, polo seu xardín interior. Cadeiras de forxa e un toque vintage-romántico que pode facer as delicias dos entusiastas do cuqui son algunhas das cousas que poderá atopar que sen achegue. (Antes de tomar o café, hai que visitar o museo: non é obrigatorio pero altamente recomendable) San Mateo, 13.

Fotos | Naif, Disquecool, El Cosaco

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *