Un museo para reconciliarse co Romanticismo

Por que nos fascina tanto o Romanticismo? Poetas que prefiren pegarse un tiro antes de seguir vivindo neste mundo cruel, damiselas que non fan máis de esvaecerse (que levasen uns corsés excesivamente apertados para ter unha figura demasiado espigada tiña moito que ver… aínda que quedase tan acorde cos tempos que mellor non pensar que esa era a razón real) e heroes entregados que daban a vida pola liberdade dos pobos (ou morrían dalgunha enfermidade ocasional, como Lord Byron, no canto de no campo de batalla): imposible non terlles cariño. Moito do que somos hoxe en día como sociedade, tanto no bo como no malo, vén daquela época de exaltados, de paixóns a vida ou morte, de acendidos sentimentos por todas e cada unha das cousas. Aínda que hoxe en día o de ‘romántico’ quedou atrapado como un sinónimo directamente do ñoño.

Algunhas cidades recuperan a memoria do Romanticismo e é posible seguirlle a pista a eses apaixonados tataravós en varios museos. Unha das cidades que conta cun museo adicado á memoria daquel movemento é Madrid. O Museo do Romanticismo naceu a comezos de século cunha doación dun nobre e superou o nada sinxelo século XX español. Ata hai uns anos estaba pechado (por obras, aínda que tardou tanto tempo en volver a abrir que semellaba que non o ía a facer nunca) pero coa súa volta á acción ten unha vital nova andadura. Moitas veces esquecido nos habituais percorridos turísticos, non está habitualmente moi masificado (os domingos pola mañá, cando é gratis, hai máis xente pero tampouco tanta como para facer infelices aos visitantes) a pesar do interesante que resulta a súa visita.

O Museo do Romanticismo é todo o fascinante que se pode agardar dun museo en condicións e todo o riquiño que obriga o tema – retro e especial – ao que está adicado. Teñen as pistolas que Larra empregou para matarse: non están etiquetadas, porque os historiadores non acaban de dar por bo o que é sabeduría popular, pero se se lle pregunta a calquera vixiante de sala indicarán onde están e contarán a súa historia. Contan cun encantador sofá enfrontado que servía para contar confidencias con moita discreción, con xoguetes da época, cun antigo oratorio ou cunha parede repleta de imaxes para explicarnos o que era un dandi daquela. O Museo ocupa un antigo palacete de época e, aínda que non mostra exactamente como eran as casas daquela (algo que fan de xeito habitual nos museos das Illas Británicas, nos que podes ir dende a cociña e o cuarto dos criados ata o boudoir da lady estirada), si permite facer un percorrido por exemplos – moi ben explicados – das estancias da época.

Ademais, organizan unha chea de actividades diversas, dende talleres de caligrafía romántica ata visitas guiadas teatralizadas (con Carolina Coronado como guía nunha época!) pasando polas clásicas tertulias e os días de disfraces.  No verán, a cafetería ocupa os xardíns do museo, un recuncho tranquilo e sorprendente no centro de Madrid, e a visita ten así un engadido.

O Museo do Romanticismo está na rúa San Mateo, 13, en Madrid 

Foto | Facebook oficial

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *