Hellocooking: aprender a cociñar pode ser divertido (e cool)

Hello Cooking, Santiago de Compostela

Atrás quedou ‘Sexo en Nova York’ e a imaxe icónica da muller moderna, profesional, con estilo e vida social que non tiña tempo (nin gañas, nin probablemente maña) para cociñar, fóra da socorrida pasta ou do ovo fritido con patacas. Os máis reticentes xa non temos nin esa idea á que aferrarnos, porque cociñar está cada vez máis de moda. Pero non as receitas tradicionais (que tamén), senón sobre todo, a cociña gourmet, os pratos internacionais e os cupcakes, que causan verdadeira sensación entre os máis modernos e os que non o son tanto.

Aínda que, para María, o gusto pola cociña é moito máis ca unha moda pasaxeira. Esta diplomada en Relacións Laborais nunca pensara seriamente en adicarse a isto. Tíñao coma un hobby, coma unha paixón que, tras trece anos traballando nunha asociación de empresarios, decidiu sacar á luz fundando Hellocooking. A empresa, situada na rúa Sar, moi preto do centro de Santiago, consta dun taller de cociña e dunha pequena tenda de accesorios e libros gastronómicos. Un proxecto que ten bastante de pioneiro en Compostela, onde non se coñecen iniciativas similares, aparte dos talleres que organiza de cando en vez o Centro Superior de Hostalería de Galicia ou os da Aula de Cociña Novagalicia. En Vigo si hai empresas destas características, como a tenda-escola Alambique.

Hello Cooking, Santiago de Compostela As clases impárteas un pequeno equipo de cociñeiros profesionais en grupos reducidos, de 8 a 12 persoas. “Santiago é unha cidade pequena e o boca-orella funciona moi ben. A xente que vén pásao fenomenal e vaino contando. Nunca tiven queixas e quen vén unha vez, adoita repetir”, afirma orgullosa María. Na súa web e na súa páxina de Facebook publican toda a información que pode ser de interese para os usuarios: o calendario dos cursos, as receitas que cociñan, fotografías dos pratos…

“As técnicas que adoitamos utilizar son moi sinxelas. A complicación está na cantidade de tarefa. Hai que ter en conta que isto é sobre todo ocio, aínda que tamén teña unha parte importante de aprendizaxe. A xente vén aquí a pasalo ben e a relaxarse, e a maioría dos nosos alumnos son profesionais – de entre 25 e 50 anos maioritariamente- que veñen de traballar todo o día, polo que cómpre non abusar”, sinala María.

O máis demandando é, sen dúbida, a repostería creativa. “É un filón. Cupcakes, biscoitos decorados, cake pops, tortas de fondant… Á xente encántanlle”. E xa non só nos talleres: o 80 por cento dos clientes que entran na tenda buscan material de repostería. Tamén triunfan os talleres de gin-tonics e de coctelería en xeral, que procuran maridar con algún tipo de prato ou pincho “porque non podemos esquecer que o noso forte é a cociña”. A gastronomía internacional chama moito a atención, sobre todo a italiana, a árabe ou a xaponesa, e tamén os cursos de brunch, probablemente por influencia das series americanas, que procuran repetir cada mes. “Teño comprobado que todo o que leva a palabra gourmet ou a expresión ‘alta cociña’ atrae máis ao público”, bromea María. Nos cursos imparten técnicas de empratado, porque a presentación tamén importa, e moito. De feito, “na repostería creativa sobre todo, ese é o encanto. Se as cousas entran polos ollos, póslle máis cariño”, subliña María. Os prezos oscilan entre os 30 e os 50 euros, aínda que hai algúns cursos un pouco máis caros, como os de tortas decoradas, que poden chegar aos 80, porque requiren moito tempo de elaboración.

Hello Cooking, Santiago de Compostela

Santiago non é Londres nin Nova York, pero tamén hai sitios nos que podemos mercar ingredientes de fóra, entre tendas especializadas, como Nippon Store, en Fernando III O Santo, e establecementos de toda a vida, desde carnicerías de barrio ata a propia Praza de Abastos ou o pequeno mercado Entre Lusco e Fusco, con postos de especias e herbas aromáticas. E, se fai falta, sempre se pode tirar de Internet. “Hoxe en día, é doado conseguir case calquera produto”, asegura.

Unha das opcións máis atractivas que ofrece Hellocooking é a dos bonos-regalo para talleres de cociña, ideais para nais que queiran botar unha indirecta aos seus fillos, para espabilar a ese amigo que vai de experto cociñeiro ou simplemente para facer un regalo orixinal. Tamén organizan eventos varios, como talleres para empresas, despedidas de solteiros, cumpreanos… Os participantes teñen a opción de degustar alí mesmo as súas “obras” ou levalas para a casa.

Vese que, no tocante ao sexo, están empezando a cambiar as tornas, aínda que a maioría das alumnas son mulleres. “Eles son máis osados e atrévense máis con todo o que sexa gourmet. Os talleres de gintonics e de sushi, arroces e peixes teñen bastante éxito entre o sector masculino”. Os nenos tamén teñen o seu espazo, con talleres deseñados especificamente para eles con pratos que requiren pouca elaboración e que procuran utilizar ingredientes habitualmente rexeitados polos máis pequenos, dándolles un plus de diversión que os faga máis atractivos. Dous por un: pásano pipa e aprenden a comer sano.

Agora, están a pechar a programación para os próximos meses. Neles, terán especial importancia as receitas con produtos de temporada, como as castañas e as setas, con cursos con saídas ao bosque en compañía dunha micóloga. Teñen previstos tamén talleres de cociña caseira xaponesa e china, “que non ten nada que ver co que podemos atopar nos restaurantes”. María considera que “é necesario romper prexuízos” arredor da gastronomía asiática, especialmente coa china. O mesmo ocorre coa británica, “a gran descoñecida”, que ofrece moito máis que o típico fish and chips: asados, pasteis de carne e peixe, pratos con verduras, salsas… de feito, un dos talleres dos próximos meses levará por título “Receitas para un té tradicional inglés”, e os asistentes aprenderán a facer torta de cenoira e outros deliciosos doces típicos. María aclara que non inventan receitas porque iso é imposible. “Só facemos as nosas propias versións de pratos xa coñecidos”. As ideas non se esgotan nunca. Consultan moitos blogs sobre a materia, ven canles de televisión temáticas e, sobre todo, escoitan moito á xente.

Este boom que está a vivir a cociña e a repostería en particular atribúeo ao cambio de ritmo que veu da man da crise. “Antes vivíamos na cultura das présas, de comer en cadeas de comida rápida ou de menú do día. Agora cada vez iso estílase menos, hai menos cartos e máis tempo para cociñar, por iso estamos recuperando vellas costumes”. Non hai mal que por ben non veña, así que a poñer o mandil e que aproveite.

Hellocooking está na rúa Sar, 96, baixo.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará