Compostela convértese na capital da moda 2.0

A cita comezou cunha visita ao casco histórico compostelán, ao que prescindín de ir por dúas razóns: a primeira, que son de Santiago de toda a vida; a segunda, que ía un frío que non era nin medio normal. Polo tanto, a miña aventura particular empezou ás tres e media da tarde do venres no Centro Galego de Arte Contemporáneo. Recoñezo que non ía moi convencida do que ía atopar alí. O título parecía suxerinte: I Xornadas de Blogsde Moda e Comercio Electrónico. Pero tiña as miñas reservas. Tradicionalmente tendeuse sempre a ter unha concepción un pouco estereotipada da xente que lle gusta a moda: crese que a maioría son rapazas “pijas” que só viven para estar guapas e coas que nunca poderás ter unha conversación sobre o bosón de Higgs (quen teña claro o que é, que mo explique, por favor). Se a iso se lles suma o estigma de egocéntricas que acompaña por definición ás egobloggers, o cóctel podería ser mortal. O caso é que alí me plantei, cun modelo sen demasiadas pretensións: o único un pouco fashion, un pelexo de animal print para non morrer de hipotermia por cortesía das cambiantes temperaturas compostelás. Pasei calor, por certo.

A primeira impresión foi a dun evento un pouco elitista: por un lado, as bloggers, ou, o que é o mesmo, un amasillo de verde militar e estampado de camuflaxe, chatolas, coiro negro, botíns de tacón e grandes e vistosos colares, sospeito que moitos deles de Tous, unha das firmas patrocinadoras do evento. Por outro, as mortais, facendo unha cola que me pareceu quilométrica para facer o check in (que é unha expresión moito máis cool que pasar lista). Aí veu a primeira sorpresa agradable da tarde:  unha bolsa de tea (que semellaría moi hipster de non ser porque levaba inscrito o logo de Tous) para cada un dos asistentes, que disque fomos máis de 200. E, no seu interior, regaliños varios: cremas de L’Oreal, refrescos, mesmo un calzador de Paco Herrero que me vén estupendamente para as botas-legging de Zara que merquei hai un par de tempadas.

O recuncho máis popular do congreso

O caso é que aquilo non tiña tan mala pinta: todos os que teñen algo que dicir no mundo da moda en Galicia, e tamén fóra dela, estaban alí (vale, todos non, pero moitos). Aínda que nun principio estaba previsto que acudira a coruñesa Gala González, autora de Amlul e sen dúbida a nosa blogger máis internacional, o relatorio inaugural correu a cargo da súa colega viguesa Alexandra Pereira, de Lovely Pepa, á que tivemos o pracer de entrevistar hai un tempo. Alexandra deu unha lección de saber estar e explicou as claves de por que o seu blog tense convertido en apenas tres anos nun referente a nivel mundial: actualizar a diario “para que a xente non se esqueza de ti”, estar permanentemente atenta aos comentarios dos seguidores nas redes sociais e, por suposto, a calidade das fotografías. Escoitándoa desde as primeiras filas do evento, agrupábanse outras das bloggers máis coñecidas entre os que somos un pouco frikis do mundiño: Priscila, de Personal Style; Belén, de Balamoda; Silvia, de Bartabac; Miriam, de Ladanena, ou Nuria de Like a princess by Kuka, entre outras.

Sorprendeu pola súa naturalidade Silvia, que tamén subiu ao escenario. “¿O segredo do éxito? Facer algo que che apaixone”, subliñou. Para ela, “o máis importante son os seguidores, xa que, sen eles, o blog non tería sentido; traballar unicamente con marcas que sexan do meu gusto, crendo no que estou facendo; e, por suposto, o fotógrafo, porque en moda, o blog ten que ser moi visual”. A primeira xornada rematou cun desfile da marca Alalá, especialista en mesturar o traxe tradicional galego coa alta costura e os tecidos xoia.

Malia que nos perdemos cocktail party no AC Palacio del Carmen, chiváronnos que houbo barra libre e un sorteo de agasallos entre os asistentes. Pero a envexa inicial esfumouse cando escoitamos o primeiro relatorio da segunda xornada sen resaca, porque ben o mereceu. Belén, de Balamoda, explicounos con gran frescura as claves que distinguen o seu blog dos demais, entre as que se atopan a importancia que lle dá á creatividade e ao Do It Yourself (de feito, ten un blog independente con esta temática na plataforma StyleLovely), e o sentido do humor. Nos seus vídeos, nos que se maquilla, experimenta cos outfits fronte á cámara ou mesmo customiza prendas de roupa, vese que non se toma a si mesma demasiado en serio. “A moda debería ser algo divertido”, sinalou.

Nas xornadas reinou o bo rollo, pero non faltou a polémica coa mesa redonda de bloggers, moderada por Miguel Rocha, do Clúster do téxtil galego, na que participaron Lovely Pepa, Like a princess, Balamoda e Ladanena. Este foi o momento no que algunhas das asistentes aproveitaron para facerlles a pregunta “incómoda” que no fondo todos estabamos desexando formularlles: como distinguir a unha blogger que “se vende” ás marcas doutra que segue mantendo a súa identidade. Moitos entendidos do tema acúsanas de perder a súa esencia a base de anuncios publicitarios, patrocinios, invitacións a eventos e agasallos a cambio dunha mención. Todas negaron rotundamente esa perda da súa “inocencia” blogueira e insistiron, con respecto ás críticas, en que os blogs deben ser un espazo positivo. “Non tolero as faltas de respecto”, sentenciou Alexandra, o que levantou o aplauso fervoroso dalgunhas das súas compañeiras sentadas entre o público. Ademais, recalcou que as bloggers non levan a “vidorra” que todo o mundo cre, que detrás hai un “traballo horrible” con moitas horas de dedicación, que, polo tanto, merece unha remuneración. Iso si, “un traballo horrible que a min encántame”, matizou Nuria.

Sen dúbida, o momento máis freak das xornadas foi un concurso no que as asistentes máis rápidas en subir ao escenario foron premiadas cunhas gafas mariposa de Opticalia. Non se aventuraron moitas, probablemente para non estamparse cos tacóns. Pero o que arrincou os aplausos e as caras de sorpresa do público foi a vehemencia coa que outra participante se animou a cantar, instada pola organización, para gañar o agasallo estrela: un par de zapatos da marca Defloresyfloreros . Só faltou o grito de “¡Tú sí que vales!”.

O peche de ouro púxoo Guillermina Royo-Vilanova, community manager de Carla Bulgaria Roses Beauty, quen expresou unha opinión que puxo un punto de realismo, sinalando que, nestes momentos, hai saturación de blogs na rede e que non cre que este fenómeno vaia durar sempre. “Non hai que perderlle o respecto ao papel. En Internet non hai nada consolidado. Só se manterán os que fagan as cousas ben”.

Para que non se diga que o mundo da moda é superficial, tamén houbo espazo para aspectos máis técnicos, con relatores como Carlos Otero, director de Colímera Consultores; Belén Andrés, de Privalia; Gabriel Aldámiz, cofundador de Chicisimo; Mireia Guix, social media manager de Tous; Manuel Guerreiro, de CA Technologies ou Martín Ignacio, de Bridged World, que deron as claves sobre a importancia do social media nas empresas e o extraordinario crecemento do comercio electrónico nos últimos anos.

Trala despedida e a firme promesa da organización de comezar a traballar xa nas xornadas do ano que vén, La Flor, que máis que o bar de moda xa é todo un clásico en Compostela, ofreceu uns viños e uns pinchos aos asistentes. ¿Conclusións do evento? Teño que mercar unha chaqueta de estampado militar e facer un blog xa (pero facelo ben) ou sempre serei, coma quen di, unha ninguén neste mundiño. Vémonos na próxima.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *