Sobre se as caveiras están de moda non hai dúbida algunha: vémolas nas prendas de tendas alternativas e na roupa da factoría Inditex, nas xoias de autor e na quincalla low-cost (sobre todo nas xoias: vaia invasión), e ata nos accesorios para o fogar. Pero a cuestión é: realmente molan?
Porque xa sabedes, aquí somos tan fans do estilo naïve (colos babeiro, saias de voo, xerseis de animaliños), que parece que un estampado de caveiras non acaba de ter o seu sitio. E sen embargo, levan xa un bo tempo sendo o estampado de referencia. Pero mentres todos tiñamos claro que os bigotes molaban e que lle iamos facer se acababan estampados en camisetas do Bershka, o das caveiras pasou directamente, que sei eu, do heavy (ou do pirata, ou do étnico-mexicano) ao pijo. Xa avisaramos que unha das tendencias da tempada era o estilo gótico…Así que deixo aquí a pregunta: son cool as caveiras, si ou non?
Mentres o pensades, propóñovos algunhas compras para mostrar caveiras co mesmo orgullo que un cadro tempus fugit do século XVI (que esas caveiras tan intelectuais todos temos claro que nos gustan):
1. Camiseta de Romwe.com
As caveiras de estilo mexicano, con flores en en cores alegres entran de cheo nesta tendencia, e convencen bastante.
2. Colar vintage de Les Jumelles
Se o que buscas son xoias, non te custará moito atopar: colares, pendentes, broches, pulseiras, podes velos en todas e cada unha das marcas existentes.
3. Zapatillas Vans
As Vans xa están en caída libre, pero para os fieis (que aínda sodes moito) hai varios modelos diferentes con caveiras.
4. Babeiros de Coolbaby
Ao parecer hai un montón de produtos para bebés “rockeiros” con caveiras, aínda que hai quen pensa que familiarizar ao pequeno con tan macabro símbolo fará que acabe tragando lixivia.
5. Vaixela de Zara Home
En Zara Home atopamos vasos, xogos de té, e bandexas con caveiras. O certo é que resultan bastante simpáticas.
Fotos | 1. Violet-E, 2. Romwe, 3. Les jumelles, 4.Vans off the wall , 5. Coolbaby 6. Zara Home
Creo que queriades dicir http://www.romwe.com/ ;)
Ups! Corrixido :)
A mín mólanme, pero en pequenas doses :) ¡E a vaixela ten o seu punto!
Pois a min non me parece nada cool o estampado de caveiras…é máis, non me gusta nadiña!