Swinging Chicks, roupa retro cosida en Galicia

A María Lareo sempre lle gustou a roupa retro, aínda que non sempre é sinxelo facerse con vestidos vintage adecuados. Non lle quedaba máis remedio que arranxar a roupa que mercaba. Ela non era a única con ese problema e, desa necesidade, xurdiu a súa propia marca de roupa, Swinging Chicks.  “A inspiración xurdiu do amor á cultura dos anos 50 e 60, precisamente por non poder atopar tallas na roupa vintage. Sempre me gustaban cousas que me quedaban grandes ou moi pequenas e que tiña que arranxar”, explícanos por email. “Empecei deseñando vestidos en edicións limitadas para rapazas que se movían na escea mod e soul española”, cóntanos. Agora, a través de internet e dalgunhas tendas físicas (en Galicia están na tenda Señorita Ni Fu ni Fa de Ourense, aínda que andan á procura de máis puntos de venda: “buscamos tendas con encanto, que compartan a nosa filosofía”), as creacións de Lareo chegan a todas as rapazas que busquen roupa de aires retro.

“Os nosos vestidos teñen tallas standard dende a XS á 3XL e tamén ofrecemos a posibilidade de facelos á medida“, explica. Cada ano sacan de dúas a tres coleccións, aínda que algunhas das prendas van variando coa incorporación de novas cores. “A nosa prenda estrela é o vestido,” dinos María, “aínda que tamén facemos algúns abrigos, shorts, blusiñas, pero principalmente son vestidos!”. Todos teñen ese toque a moda doutra época, que os poderían facer saídos do armario dalgunhas das personaxes de The Hour e que van tan acorde co revival retro no que estamos todos fervorosamente sumidos.

Aínda que María Lareo vive en Holanda e a sede da súa marca está nunha boutique na cidade de Arnhem (a onde Lareo mudou “por amor”), a marca ten, en palabras da súa responsable, “deseño 100% galego”. Non só o deseño é galego, tamén a fabricación. Detrás dos vestidos, abrigos ou shorts de Swinging Chicks están costureiras galegas. “Os vestidos están confeccionados en Galicia por costureiras galegas que levan toda a vida entre fíos”, explícanos María. A execución é por tanto artesanal e coidada e permite, por iso, a personalización do produto cando se busca unha talla especial.

“A nosa roupa está feita por e para xente feliz, por iso é importante saber que detrás de cada peza hai un traballo de deseño, confección ó detalle, materiais, etc”, asegura María Lareo. Os prezos dos vestidos oscilan entre os 75 e os 95 euros,  unha cantidade que é un pouco máis elevada que o dalgunhas marcas de masas pero que se pode entender polo traballo que hai detrás de cada produto. “Nós pensamos que os nosos prezos son xustos debido ó traballo, exclusividade e materiais que hai detrás de cada peza”, dinos Lareo.

Polo que respecta aos tecidos,  Swinging Chicks tenta achegarse o máis posible ás características, aos estilos e á calidade dos anos nos que se inspiran. Nas edicións limitadas, empregan ademais “materiais orixinais xa descatalogados”, o que fai aínda máis exclusivo ao produto.

Fotos |  Antón Varela para Swinging Chicks

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *