Top 10 do 2012: Moda

Que é un medio de tendencias sen analizar que é o que deixa o ano en términos de moda? Comezamos o noso resumo do 2012 en moda.

BlossanAW12

10. O vintage segue de moda (afortunadamente). Aínda que hai moitos que seguen a non comprender que o retro guste tanto (a miña nai queimaría nunha pira todos os meus zapatos dignos do vestiario de  ‘Amar en Tempos Revoltos’), o vintage continúa a marcar a tendencia en moda. O vello ou o que o semella fascinan. Durante 2012, descubrimos novas tendas de roupa vintage, como a compostelá Isidoro&Ramiro ou a online BichoVintage, que se suman a todas aquelas das que xa vos falaramos dende o noso nacemento (asumimos que xa comprendestes que a pulsión vintagista está moi presente nalgunhas das disquerredactoras); ou marcas de aires retro, como Swinging Chicks.

9. A consumerización das grandes marcas. A crise toca a todos e,  aínda que os titulares sobre como o consumo de luxo apuntan que non decae (subiu mundialmente un 7% e en España un 25%), moitos deseñadores de alta gama están intentando conseguir novos clientes de gama consumo. Por exemplo, Karl Laggerfeld lanzou a súa liña low-cost (si, é un dicir) KARL e as coleccións de marca de H&M non decaeron (tivemos a Marni ou a Martin Largiela).

8. As series de televisión continúan a marcar o noso armario. Primeiro foi ‘Mad Men‘, cando aínda era unha serie de público limitado. Os deseñadores e as grandes marcas amárona rápido e incluíron toques 50 nos seus produtos. E aínda que non conseguiron que atopásemos a un Don Draper pola vida, si fixeron que a moda para mulleres fora unha reedición contemporánea do vestiario de Peggy, Joan e Betty. Blair Waldorf fixo que a xente non che mirase mal por levar diadema, ‘Boardwalk Empire’ recuperou o glamour dos anos 20 e ‘Downton Abbey‘ fixo o propio coa  lencería vintage, as cousas que brillan no pelo e un mix de toques fin da Belle Époque. As series seguen a marcar como vestimos, dun xeito que non deixa de ser sorprendente. A minoritaria ‘Mildred Pierce’ protagonizou uns cantos editoriais de moda e, por desgraza, as marcas están adaptando o peor de ‘Xogo de Tronos’, a moda dothraki.

7. Grandes eventos, pequenos eventos.  As grandes citas no calendario son unha das inamovibles verdades do mundo da moda. Dende que Charles Worth comezou a lanzar coleccións e a obrigar á clase alta do Segundo Imperio Francés a cambiar o fondo de armario e dende que Jeanne Paquin organizou o primeiro desfile de modas alá polo 1914, o mundo da moda rexese por datas. Están os grandes desfiles, as grandes presentacións, os números especiais das revistas… E aínda que a saúde das grandes pasarelas non semella estar en cuestión, todo o que queda no medio do grande e do alternativo si. Cibeles este ano tivo que ir a finais de agosto (cando non hai ninguén en Madrid!) e outros eventos aínda máis pequenos, como a Pontus Veteris, morreron este ano. É o momento de reinventarse? Fronte a todos estes eventos en crise, outros máis pequenos nacen e teñen notable éxito. Os case millóns de mercados existentes conseguen que vaiamos a practicamente todos e xornadas como as que analizan o impacto da rede na moda tamén teñen moito éxito.

6. A reivindicación do street style como arte. O street style non é só xente que fai fotos do seu look e as sube a un blog. Iso é unha parte. O street style como tendencia de masas xurdiu co éxito de produtos como The Sartorialist, o blog no que Scott Schuman, reflexa o estilo do mundo. Visto sempre como unha marxinal opción dentro do mundo da moda, a súa obra está agora a ser recuperada e posta en certo valor. Schuman foi un dos protagonistas de Photoespaña, como tamén o foi (e é realmente polo seu fondo aínda máis interesante) Daniele Tamagni coas fotos sobre os fascinantes sapeurs, os elegantes homes de Brazzaville.

5. Novas tendas. A pesar da crise, ou xusto por iso, non paran de abrir novas tendas pequenas e acolledoras que ofrecen cousas diferentes. Somos bastante fans desta nova tendencia, que están enchendo as rúas galegas de espazos diferentes como a tenda de roupa – salón de peiteados – centro de estética The Back Office, en Vigo, e de novas tendas que permiten vestirse con algo que non sexa made in Amancio Ortega. As novas tendas non están só en Vigo, Santiago ou Coruña (en Tui, por exemplo, abriron unha concept store que nos gustou moito), o que aínda nos gusta máis.

4. Viva o naif! Xa sabedes que o maleni é unha tendencia. Podedes aceptalo e dicilo sen temor. Sodes malenis. Non pasa nada. Ademais de ser unha tendencia, cada vez hai máis cousas, tendas e marcas para selo e ben a gusto. Hai unha chea de marcas con ese estilo inocente e delicado, máis mainstream como pode ser Kling ou máis pequenas, como Chicadecanela e as súas xoias boneca.

Maria Antonieta

3. O barroquismo. Durante a II Guerra Mundial, os peiteados fixéronse máis complicados para poder camuflar a roupa de mala calidade que as mulleres debían empregar. Durante as crises económicas, usamos máis tacón alto (aínda que hai un estudo de IBM que di que nesta crise estamos pasando por completo) porque é o único exceso que nos podemos permitir. Durante esta gran crise, estamos apostando todo ao barroquismo. Brocados, tecidos pesados, estampados mareantes e ata a resurrección de María Antonieta como trendsetter, eses son os victory rolls actuais.

2. As cousas diferentes que se están a facer.  Non só están abrindo novas tendas, tamén están aparecendo cousas novas e distintas que permiten atopar algo que faga feliz a cada un de nós. Estamos a vivir unha explosión da creatividade na industria da moda? Este ano coñecemos propostas tan diferentes como American Pérez, BoTwist, Manik YD, Peka’s World ou  Blossan, entre outras.

1. O que nos queda. Realmente non teño nin idea de cando comezou Pantone a escoller a cor do ano, pero si sei que o que di vai a misa. Este ano hai que apostar todo á Esmeralda 17-5641, unha cor viva, radiante e exuberante, todo segundo Pantone. Unha cor vibrante, un ano máis: cando en 2011 Pantone escolleu ao madreselva explicou que a súa tonalidade viva a facía unha cor anticrise.  Tamén estará por todas partes a cor azul klein, que todos os deseñadores incorporaron ás súas coleccións; as raias, cunha volta (enésima) ao look mariñeiro; os barroquismos, como brocados ou os estampados recargados; o veludo, pero nunha versión menos chunga que o que quedaba del; ou os toques militares e de liñas xeométricas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará