Isidoro & Ramiro: o pasado sempre volve

Imaxinade que vos metedes nunha máquina do tempo e aparecedes de súpeto nos anos 60 do século pasado. Cando menos, a sensación debe de ser parecida á que tivemos nós ao entrar en Isidoro & Ramiro, que desde hai un par de meses é parada obrigada para os amantes da moda vintage (e da moda en xeral) que se acheguen ata a capital galega.

Detrás de Isidoro & Ramiro escóndense Abel e Mario, que quixeron render unha particular homenaxe aos seus avós maternos, cuxas fotografías presiden o establecemento, entre bolsos, diademas e cadernos. A localización non pode ser máis propicia: en pleno casco histórico compostelán, moi preto do mosteiro de San Martiño Pinario e fronte ao pub Atlántico, que a maioría coñeceredes moi ben. Sen embargo, malia esa contorna privilexiada, montar unha tenda de roupa de segunda man en Santiago entraña certo risco. Por moito que nos vaiamos de modernos, a cultura vintage aínda non está tan arraigada no noso país coma, por exemplo, no norte de Europa. Asumámolo: as novas xeracións sempre teremos que escoitar ás nosas nais coa cantinela: “Pero ti para que queres mercar roupa vella?”.

Isidoro & Ramiro

O propio Abel recoñece que á súa lle pasa algo semellante. Empero, iso non foi impedimento para que un día decidiran abrir Isidoro & Ramiro. Tamén contribuíu o mal que está o de atopar traballo con isto da crise e, por suposto, a paixón pola moda que ambos socios comparten, e que, no caso de Abel, é pura xenética (a súa nai posúe unha tenda en Xixón). Non teñen formación específica no sector, pero non se lles nota. Ademais de elixiren as prendas e atenderen á clientela, exercen de estilistas e de visual merchandisers, e mesmo fan de community managers, dándolles ás redes sociais o protagonismo que merecen. “Somos vintage, pero modernos”, bromea Abel.

Isidoro & RamiroDe momento, están moi contentos coa acollida que están tendo. Malia que “o groso da clientela é a xente nova, desde dezaséis ou dezasete anos ata trinta e moitos”, por alí pasan a diario persoas de todas as idades. “Sorprendeunos a gran cantidade de señoras que se achegan ata aquí”, sinala Abel, quen o atribúe, en grande medida, á ampla dispoñibilidade de tallas grandes. E os seus estilos son igual de variados: os fanáticos da moda retro e vintage, os clásicos que buscan ese básico de fondo de armario… E é que no interior de I & R podemos atopar pezas para todos os gustos. Panties de fantasía, zapatos de cowboy, vestidos victorianos e shorts e cazadoras vaqueiras danse cita nas súas perchas e estanterías, cheas a rebosar. O que máis abonda son as prendas dos anos 60 e 70, pero o máis antigo do que dispoñen neste intre son tres conxuntos de chaqué e un esmoquin procedentes duna prestixiosa tenda da Coruña, que datan de 1932.

Nútrense do stock de diferentes establecementos e de pezas que mercan a particulares, pero tamén adquiren a miúdo produtos de importación a través de Internet. O máis vendido son os vestidos de verán, así como as camisas western e hawaianas para home, que tiveron “un éxito sorprendente”, e os polos, especialmente os de Fred Perry, que se poden adquirir por uns 35 euros. En xeral, os prezos son moi asequibles. A prenda máis cara que teñen nestes momentos é un vestido de Escada de estilo mariñeiro, que alcanza os 100 euros.

Á hora de seleccionar os produtos que poñen á venda, aseguran non facer moito filtro. “Pretendemos ter prendas para todos os gustos e chegar a todo tipo de públicos, aínda que si temos en conta a calidade dos materiais e que a roupa estea no mellor estado posible. No caso de que teña algunha tara, indicámolo na etiqueta, e naturalmente iso reflíctese no prezo”, indica Abel. Eses mesmos son os criterios que recomendan para mercar bo vintage. “Hoxe en día podemos atopar moitas prendas de estilos que nos remiten a décadas pasadas nas marcas low cost de gran consumo, pero tanto os tecidos como a confección son moi diferentes”. Mercar vintage asegura, en moitos casos, ese valor engadido.

Como ocorre case sempre en establecementos pequenos, é inevitable crear certos lazos de amizade cos clientes e cos particulares que se achegan para vender roupa usada ou pezas novas que eles mesmos deseñan. Moitos van na procura de algo concreto, e Mario e Abel intentan satisfacer esas demandas na medida do posible.

Non cabe dúbida de que os nostálxicos están de sorte. Aínda que xa imos servidos de discursos derrotistas ultimamente, de vez en cando cómpre lembrar aquilo de que “calquera tempo pasado foi mellor”. Só fai falta entrar en Isidoro & Ramiro para comprobalo.

Isidoro & Ramiro está na Rúa da Fonte de San Miguel, nº 6, baixo.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará