Paca Peca, deseños que “namoran” desde Compostela

A historia de Paca Peca é a dunha amizade moi frutífera que se remonta a hai máis de dúas décadas. Os seus integrantes proceden de disciplinas e traxectorias profesionais tan dispares como a ourivaría, a economía, a psicoloxía, a música ou a danza. Un día, hai cousa de 15 anos, decidiron montar unha tenda e pouco a pouco foi xurdindo neles a idea de crear as súas propias pezas de bixutería e complementos. Hoxe, contan con máis de 400 puntos de venda espallados non só por toda España, senón tamén por boa parte de Europa.

Achegámonos ata o seu taller compostelán para falar coa principal responsable desa explosión de imaxinación e creatividade que define á marca, Emilia García. “A liña condutora das nosas coleccións é a falta de ideas preconcibidas”, explica a deseñadora. O seu é un produto que vai evolucionando e no que se dá vía libre á improvisación. “Queremos facer algo sorprendente, orixinal”. É por iso que se manteñen á marxe de tendencias. “Non as seguimos moito porque estamos convencidos de que se un produto está de rabiosa actualidade, pronto estará caducado. Esta filosofía non conecta todo o mundo, pero cremos que, cando conecta, conecta de verdade”. Os clientes poden atopar pezas para todos os gustos e para usos moi distintos: para o día a día, para unha festa… De momento, céntranse só na bixutería e nos complementos, pero os seus máis fervorosos admiradores están de sorte, porque teñen previsto aventurarse cunha liña de roupa no futuro.

Paca Peca

Algunhas das creacións de Paca Peca

Se algo caracteriza a Paca Peca, ademais da súa orixinalidade, é a capacidade de mudar de estilo sen deixar este de ser absolutamente recoñecible. “Aburrímonos moito dos materiais, das cores, das técnicas… Estamos constantemente cambiando e iso require moito esforzo, xa que hai que estar aprendendo a cotío novas formas de traballar”. E é que, como moitos artesáns, son autodidactas.

Neste momento, a estrela das súas coleccións é a pel, que empregan tanto en bixutería como en bolsos, diademas ou moedeiros. Todo cun estilo que rompe co que veñen facendo ata o de agora, “inocente e máis rock, máis rebelde, mesmo un pouco agresivo”.

Como a maioría das firmas de moda, Paca Peca tamén ten o seu talismán, a súa peza it: un bolso de tea moi sinxelo, que bautizaron coma Bolso moños polo seu estampado, e ao que lle foron engadindo detalles diferentes. Xa con el unhas seis campañas, e as que lle quedan. “Gústalle a todo tipo de xente, independentemente do seu estilo. É un fenómeno, un éxito inexplicable”, afirma orgullosa a deseñadora.

Pero as mulleres con divertidos peiteados que adornan eses bolsos non se pasean só polas rúas de Galicia. En Euskadi, as súas clientas son lexión. “As vascas teñen una visión distinta do mercado, tiran máis polo pequeno comercio, pola tenda do pobo de toda a vida, e non tanto polas grandes superficies”, explica. Tamén teñen fans espalladas por toda Europa, especialmente en Italia e Francia, onde acoden a miúdo a feiras profesionais.

Curiosamente, malia ese estalido de fantasía e surrealismo que salpica as súas pezas, os integrantes de Paca Peca teñen os pés no chan. “Eu sempre digo que este é un oficio, non me considero unha artista, aínda que sei que non queda moi ben dicilo así”, bromea Emilia. “Está claro que ten que gustarche, tes que divertirte co que fas. A idea inicial pode saír de calquera sitio, non podes forzalo, pero o resto é traballo, traballo e traballo”.

Ademais, saben que teñen unha complicada fronte coa que loitar. A xente, por influencia de Mangos, Zaras e demais xigantes da moda pronta, demanda cada vez máis cantidade e variedade de prendas e para eles é imposible seguir ese ritmo. Son moi poucos, e cada peza require moita dedicación. E iso sen ter en conta os inoportunos problemas técnicos que poidan xurdir (no mundo da moda, Murphy tamén fai das súas de cando en cando). O mesmo ocorre cos prezos. O cliente está acostumado a pagar moi pouco polas pezas, e Paca Peca móvese gama media, con bolsos de pel que poden chegar aos 150 euros.

A crise tamén lles afecta, como a todos, pero os seus clientes directos, as tendas multimarca, sófrena con especial severidade. E, neste contexto, non hai unha receita infalible para manterse. Procuran diferenciarse, ofrecendo “un produto que non hai no mercado, algo novo de verdade”. Son conscientes de que o feito de que sexa artesanal é un plus para quen o valore, pero non todo o mundo o fai. “Por iso, o que pretendemos verdadeiramente é crear algo que namore, que provoque un no cliente. Queremos que o queira, e que o queira xa”, sentencia Emilia.

Polo demais, só queda agardar a que pase a tormenta. “Nós estamos traballando coma se venderamos máis que nunca, convencidos de que, no momento en que baixas os brazos, xa non hai nada que facer. Así que poñemos o que está da nosa man para ser mellores cada día”. E non lles sae nada mal.

Fotos | Destacado Paca Peca | Lucía Turnes

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *